O portavoz de Deportes do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, reclamoulle hoxe ao goberno galego que “entenda a realidade social e económica” dos clubes deportivos a nivel autonómico e afeccionado. Na comparecencia do secretario xeral para o Deporte da Xunta en Comisión parlamentaria, Francisco advertiu de que o protocolo marco aprobado polo goberno galego resulta “absolutamente inviable”.
O parlamentario socialista sinalou que este protocolo, que replica o elaborado polo Consello Superior de Deportes, resulta “moi esixente e pensado para o deporte profesional”, ademais de que “delega todo o que suceda no deporte afeccionado e autonómico nos responsables dos clubes”. Apunta que a instrución é “tallante” na obriga de utilizar máscara cando “non vale para tódalas modalidades deportivas, dixo lembrando a natureza dos deportes de contacto ao aire libre.
Juan Carlos Francisco trasladou hoxe as demandas dos clubes, que “amosan a inviabilidade de iniciar a competición baixo esa obriga”, e apunta que “as federacións ofrecen a alternativa de utilizar test”, abrindo o problema do financiamento destas probas. Neste punto, apelou ao financiamento do goberno galego, e mesmo abriu a posibilidade de ampliar os convenios con entidades financeiras ás categorías inferiores do deporte.
Competición inviable
O feito é que a día de hoxe “determinadas disciplinas deportivas amosan a inviabilidade de iniciar as competicións” a esta altura do ano, mentres o goberno galego “mantén aberta unha confrontación co Consello Superior de deportes con esixencias continuadas”, sinaladamente en canto ao financiamento dos test de coronavirus.
Advertiu que hoxe en día hai en Galicia en torno a 130.000 fichas doutros tantos deportistas non profesionais dentro do Plan Xogade, mentres a partir dos 16 anos están cifrados en torno a 100.000 deportistas galegos, unha actividade que move o 2,6 por cento do PIB desta Comunidade Autónoma e que “agardamos que tamén teñan o seu sitio na Comisión de Reactivación Económica”.