A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, reclamoulle hoxe á Xunta que implante un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela cumprindo cunha “demanda histórica de familias e profesionais das artes escénicas”. Díaz trasladou hoxe á Comisión a petición da Plataforma para a creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela, ratificada por máis de 4.000 sinaturas de apoio cidadá recabadas en tan só un mes, e que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista amosou a súa “perplexidade” polo voto en contra do PP en base ao “argumento falaz de que xa hai escolas de danza” cando “do que estamos a falar é de profesionalizar estudos”. Amosou a súa “sorpresa” por esta postura cando “teñen en marcha un Plan Integral de Danza para Galicia que conta cunha mesa de traballo específica sobre formación”.
Sinala que a infraestrutura “suporía unha oportunidade magnífica para todas aquelas persoas que desexen formarse en danza e non teñan a posibilidade de se trasladaren á cidade de Lugo, onde está o único conservatorio profesional de danza dependente da Xunta, ou a Coruña, onde se atopa o Conservatorio dependente da Deputación.
Explica que “a situación xeográfica privilexiada da capital galega abriría as portas non só á cidadanía compostelá e da contorna, senón tamén doutras partes de Galicia”. Trátase, engade, dunha “demanda histórica de familias e profesionais das artes escénicas, aprobada en novembro polo Pleno do Concello”, que supón unha “infraestrutura educativa básica para a cidade”.
Noa Díaz lembrou as conclusións da recente xornada sobre o estado da danza en Galicia organizada polo Consello da Cultura Galega, no que analizaban a situación dun sector “non o suficientemente atendido”, e mesmo propuñan incluír a disciplina no sistema educativo. Sinalou que esta necesidade queda ademais “reflectida nas intencións do Plan integral da Danza de Galicia”, que comezou a elaborar o goberno galego en febreiro.
A parlamentaria socialista pediu profesionalizar unha disciplina que conta cun “enorme interese por parte da cidadanía e unha gran demanda na cidade de Santiago”, como demostra que hoxe hai máis de 1.700 persoas matriculadas en 12 escolas privadas da cidade.
Noa Díaz defendeu o papel dos conservatorios como “dotacións e contedores culturais que, ademais de achegar valores educativos e artísticos, supoñen unha oportunidade laboral para os seus alumnos”. Fixo valer ademais o forte peso cultural de Compostela, a súa cualidade de cidade universitaria e unha situación xeográfica privilexiada que abriría as portas á cidadanía doutras partes de Galicia.