O deputado socialista Juan Díaz Villoslada denunciou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei do Grupo Socialista que pedía a conexión da Vía Ártabra coa A-6 “para dar efectivo servizo a toda a área metropolitana da Coruña”. O responsable socialista alertou de que o goberno galego tan só licitou o pasado 21 de febreiro a conexión da vía coa cidade a través da AP-9, de peaxe, para beneficiar a Audasa.
Díaz Villoslada alertou de que o voto de hoxe constata a verdadeira intención do goberno galego, que vén de suprimir do Plan Move a conexión da Vía Ártabra coa cidade a través da autovía como figuraba anteriormente. Advertiu que “o único que van facer é meter máis tráfico con peaxe obrigatoria saturando a entrada por Alfonso Molina” e desbotando o “gran cordón” da A6 que ademais conectaría tódolos polígonos da cidade.
O goberno galego ten suprimido, dixo, o entronque previsto da conexión entre a AP-9 e a A-6, e mesmo aínda que a conselleira de Infraestruturas confirmara no Pleno do Parlamento a conexión da Vía Ártabra con Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo, dous días despois “xa omitiu Arteixo, Culleredo e Bergondo”.
O responsable socialista alertou ademais do “preocupante recurso” que presenta Cambre contra este proxecto por incumprimentos no Plan Sectorial, baseado en problemas nos documentos presentados polo goberno galego e na competencia dos órganos que veñen de resolvelo.
O parlamentario socialista reclamou a modificación do Plan Move para incorporar de novo a conexión da Vía Ártabra coa A-6 e consolidar así unha infraestrutura dirixida a “potenciar a actividade comercial, o equilibro e a cohesión territoriais e que non inclúa máis peaxes na mobilidade metropolitana”.
Novo Plan Viario
Díaz Villoslada reclamou un novo Plan Xeral Viario de Infraestruturas para A Coruña logo dos “vaivéns” do goberno galego ás infraestruturas da cidade. Estes teñen provocado, sinalou, que a Área Metropolitana que xera o 40 por cento do Valor Engadido Bruto de Galicia sexa a última en contar cunha Estación Intermodal logo de terlle denegado a Autoridade Única ao Transporte Metropolitano ou os reiterados retrasos no proxecto de A Pasaxe.