
Carmela Silva afirma que “o PP é incapaz de entender a este país plural e diverso. Só é capaz de crear polarización”
Antoni Poveda acusa aos populares de “recortar liberdade alí onde gobernan e non entender a España real” e asegura que “seguiremos traballando para que estas linguas teñan o trato que merecen”
O PP rexeitou esta mañá na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado, a cámara de representación territorial, o impulso ás linguas cooficiais que propoñía o PSOE nunha moción, que sumou finalmente 20 votos a favor, 34 en contra e dúas abstencións.
Carmela Silva, viceportavoz socialista na Comisión, subliñou que “o PP demostra, unha vez máis, a súa incapacidade para entender este país, que é plural e grande pola súa diversidade”. “É incapaz de entender que as linguas cooficiais perténcennos a todos e a todas e que as temos que protexer e usar, sobre todo no Senado, que é o lugar idóneo para que a pluralidade teña un espazo”, puntualizou.
Silva, senadora por Pontevedra, engadiu que “o PP só é capaz de crear polarización. É incapaz de consensuar, de acordar e de entendernos a todas e a todos, vivamos onde vivamos”.
Non hai nada máis patriótico que defender as linguas cooficiais
Durante a súa intervención, destacou que “non hai nada máis patriótico que defender os dereitos lingüísticos da xente do noso país, porque é memoria, identidade e cultura viva. É un patrimonio colectivo”.
Neste sentido, aclarou que “a defensa destas linguas non é un luxo, unha concesión ou unha fonte de división. PP e Vox bloquearon o seu avance no Senado e é unha postura que non representa á España real nin o espírito de convivencia que defende esta moción”.
“O Senado non pode vivir ás costas da diversidade lingüística. Señorías do PP, fagan o esforzo de entender a este gran país. O único que están a facer é demostrar a súa incapacidade de entender que somos un gran Estado que respecta a todos os pobos e ás linguas que o conforman”, concluíu.
O PP rexeita as linguas e quere impoñer unha España que non existe
Pola súa banda, o senador autonómico catalán Antoni Poveda indicou que “cada lingua é unha riqueza” e lamentou que “PP e Vox frearon o uso das linguas nesta Cámara e pedímoslles que cambien, que faciliten o uso do catalán, o galego e o éuscaro, nas comisións e no Pleno”.
Poveda asegurou que “o conflito creouno o PP, e o seu problema é que recortan liberdade alí onde gobernan e non entenden a España real, plural e diversa”. “Queren impoñer unha España que non existe, unha España gris e homoxénea, pero os socialistas seguiremos traballando para que as linguas cooficiais teñan o trato e o recoñecemento que se merecen”.