A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamou hoxe o traslado de Ence fóra da Ría de Pontevedra garantindo os postos de traballo. A responsable socialista presentou dúas emendas a outras tantas iniciativas parlamentarias presentadas no Pleno do Parlamento polo BNG -que foi rexeitada polo PP-, e polo PP -que foi aprobada por aquel Grupo en solitario pero sen incluír as propostas socialistas-.
Vilán explicou que esta petición coincide co compromiso electoral do propio Feijóo no ano 2009, que comprometía o traslado dentro da comarca, e acorde a unha proposta de transacción presentada polo PP e aprobada dentro dunha iniciativa parlamentaria en 2010. Os socialistas reclaman a convocatoria dunha meas de diálogo entre o Goberno de España, o Concello, a Empresa e os colectivos afectados para estudar o traslado da factoría.
A responsable socialista esixiulle ao PP que asuman o criterio tanto da avogacía do Estado, cando gobernaba o PP en 2012, e do Consello de Estado en 2014 presidido por Romay Beccaría. Os dous lembran que a Lei de Patrimonio de 2003 fixa os 75 anos como límite para tódalas concesións, o que sitúa o remate da concesión da pasteira no ano 2033.
Este é o mesmo criterio, explicou, que seguiu a Avogacía do Estado ao decidir achantarse no proceso xudicial contra a ampliación da concesión por 60 anos máis no ano 2016 –cando o goberno estaba en funcións-, ampliando a súa presenza na ría ata o ano 2073.
Reclamoulle ao PP que respecte a realidade “por moito que vostedes sexan máis de controlar a Sala Segunda do Supremo por detrás –en alusión ás declaracións do portavoz do PP no Senado, Ignacio Cosidó-, de colocar a determinadas persoas cando e onde lles conveña e son incapaces de respectar sentenzas firmes como a que condena á Valedora por desvío de poder e arbitrariedade ao amañar un posto para a irmá do portavoz do PP”.
Os socialistas reclamaron hoxe “agardar ao resultado dos procedementos xudiciais pendentes” fronte ao outorgamento da prórroga para “iniciar a continuación co procedemento de redacción do instrumento urbanístico ou de ordenación territorial máis acaído para a rexeneración, restauración e reordenación” dos terreos ocupados pola empresa.
Ratificou ademais o apoio expreso “a todos os traballadores da empresa Ence que desenvolven o seu traballo na factoría de Lourizán e a todos aqueles que dependen da permanencia da empresa de xeito directo e indirecto”.