A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamou hoxe a fiscalización da eficiencia das medidas tomadas nas residencias de maiores públicas e concertadas con motivo da pandemia da covid. Esta proposta foi rexeitada polo PP nunha Comisión na que si que foi aproabada unha recomendación do Grupo Socialista para que Contas fiscalice o destino dos fondos covid para sanidade e educación.
A responsable socialista presentou hoxe as 30 recomendacións do Grupo Socialista á Memoria anual de actividades correspondente ao exercicio 2018, na que lle pedía ao Consello de Contas que fiscalizara a eficacia das medidas adoptadas nas residencias con motivo da xestión da pandemia. O PP rexeitou esta proposta que incorporaba a fiscalización das “consecuencias das faltas de coidados sanitarios nas residencias da terceira idade e dependentes”.
Rodríguez Rumbo reclamou unha comparativa dos custes reais dos servizos prestados nas residencias concertadas con relación aos custes dos servizos nas públicas, e abriu a posibilidade de que “algunha residencia privada poida ser recuperada para o sistema público”.
Así o dixo nun debate no que foron aprobadas 4 das 30 propostas presentadas polo Grupo Socialista, que incluían a recomendación ao ente fiscalizador de “realizar un informe de fiscalización sobre o destino dos ingresos recibidos do Estado para sanidade e educación debidos á xestión da pandemia da covid – 19.
Nesta sesión tamén foi aprobada a Recomendación presentada polo Grupo Socialista para que fiscalice á Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, que está a ser investigada pola xustiza por presunta prevaricación, falsidade documental e malversación.
Tamén foron aprobadas dúas recomendacións para fiscalizar Sogama, analizando “a contratación e as accións do actual socio privado”, contemplando o incremento da participación pública ata acadar a totalidade do seu accionariado. A última das propostas aprobadas pídelle unha proposta a Contas para modificar a estrutura orzamentaria de forma que sexa posible recoñecer os compoñentes do gasto farmacéutico.
Rodríguez Rumbo criticou sen embargo que o PP teña vetado o resto das propostas do Grupo Socialista, que incluían a fiscalización do “reparto sectario de fondos ás corporacións municipais”, así como os custes das competencias impropias derivadas pola Xunta sobre os concellos sen incluír fondos adicionais. Tamén pedía a fiscalización da fusión dos concellos de Cercedo e Cotobade, a evolución da débeda pública ou da CRTVG.
Transparencia
Rodríguez Rumbo denunciou a “falla de transparencia e rigor orzamentario” por parte do goberno galego, amparado polo “rodillo” do PP nas resolucións presentadas ao informe de fiscalización da conta xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2017, que tamén foi debatido hoxe. Así, o PP negouse a apoiar as propostas socialistas para conceder un maior control orzamentario, mentres a Xunta “incumpre sistematicamente as recomendacións do ente” neste sentido.
Así, sinalou, o voto do PP impediu aprobar tódalas propostas para que a Xunta inclúa un novo plan de contabilidade pública de acordo cunha normativa que leva incumprindo dende 2010. Tampouco deixou iniciar a implantación da rendición telemática da conta xeral, así como a revisión profunda da memoria da conta xeral, ou coñecer a execución dos beneficios fiscais ou o volume de endebedamento.
Si que foi aprobada sen embargo unha transacción sobre unha proposta de resolución do Grupo Socialista para que a Xunta reforce as medidas de coordinación coas entidades locais para incrementar a súa participación no financiamento de proxectos no marco comunitario, co obxectivo de apoiar aos concellos pequenos limitados pola falla de medios materiais ou humanos.
Recomendacións á Memoria anual de actividades do exercicio de 2018 do Grupo Socialista aprobadas hoxe:
Recomendación núm. 8
“O Parlamento de Galicia recomenda ao Consello de Contas realizar un informe de fiscalización sobre a empresa pública Sogama, de tal xeito que se analice a contratación e as accións do actual socio privado, a obtención de importantes beneficios na xestión destes servizos públicos, así como as posibilidades e o custe para a Administración autonómica de aumentar substancialmente a participación pública ata poder alcanzar, no seu caso, a totalidade do seu accionariado”.
Recomendación núm. 20
“O Parlamento de Galicia recomenda ao Consello de Contas elaborar unha proposta sobre modificacións na estrutura orzamentaria para que a información contable permita recoñecer os diferentes compoñentes do gasto farmacéutico e a súa análise específica como elemento determinante e de representatividade significativa do gasto sanitario”.
Recomendación núm. 27
“O Parlamento de Galicia recomenda ao Consello de Contas realizar un informe de fiscalización sobre a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne”.
Recomendación núm. 30
“O Parlamento de Galicia recomenda ao Consello de Contas realizar un informe de fiscalización sobre o destino dos ingresos recibidos do Estado para sanidade e educación debidos á xestión da pandemia da covid – 19”.
Propostas de resolución respecto dos informes de fiscalización do sector público de Galicia do ano 2017 do Grupo Socialista aprobados hoxe:
Resolución núm. 23 (transaccionada)
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a coordinarse coas deputacións provinciais para reforzar as medidas de coordinación e información coas entidades locais coa finalidade de incrementar a súa participación no financiamento de proxectos no marco europeo, nomeadamente daqueles concellos con menores posibilidades por falta de medios materiais ou humanos”.