

Os populares votaron no Senado contra unha moción do Grupo Socialista sobre axudas á vivenda para vítimas de violencia machista, co obxectivo de amparar as restricións impostas polo Goberno de Rueda, que esixe que o tempo transcorrido desde a ruptura co agresor sexa inferior a un ano para poder acceder a axudas autonómicas ao alugueiro
O Grupo Parlamentario Socialista no Senado denunciou hoxe o voto en contra do Partido Popular á moción socialista debatida na Comisión de Seguimento e Avaliación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, unha iniciativa destinada a garantir o acceso a axudas de vivenda para as mulleres vítimas de violencia machista sen restricións temporais inxustificadas.
A moción instaba ás administracións competentes a non esixir ningún prazo desde a ruptura co agresor naqueles casos nos que as vítimas tivesen que residir previamente en vivendas tuteladas ou de tránsito, como ocorre de xeito habitual en procesos de recuperación prolongados. O obxectivo da iniciativa era claro: evitar que os límites administrativos ou as interpretacións restritivas impidan o acceso das vítimas a un dereito esencial como é a vivenda.
Tal como lamentou a senadora socialista Carmela Silva, o PP, co seu voto negativo, optou por defender un modelo burocrático e desigual, amparando as restricións impostas pola Xunta de Galicia, que esixe que o tempo transcorrido desde a ruptura co agresor sexa inferior a un ano para poder acceder ás axudas autonómicas ao alugueiro.
Desde o Grupo do PSOE lembrouse que esa condición non aparece en ningunha norma estatal, e moito menos no Real Decreto 42/2022, que regula o Plan Estatal de Acceso á vivenda 2022-2025. O capítulo IV do devandito decreto —dedicado ao programa de axuda ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento e outras persoas vulnerables— non limita nin condiciona o acceso ás axudas por razón de tempo transcorrido desde a ruptura, e o artigo 42 incluso permite ás comunidades concedelas de xeito directo en supostos de especial vulnerabilidade.
“O PP non pode escudarse nas competencias autonómicas para xustificar unha decisión que discrimina ás vítimas máis vulnerables. Non se trata de invadir competencias, senón de garantir dereitos básicos en todo o territorio nacional”, sinalou a senadora socialista.
O Partido Socialista considera que o voto negativo do PP rompe a unidade política e moral que debe rexer a loita contra a violencia machista. “Fronte a un consenso que custou anos construír, o Partido Popular volve utilizar as competencias autonómicas como coartada para non asumir a súa responsabilidade institucional. A violencia machista non entende de fronteiras nin de administracións. Todas as institucións, sen excepción, deben garantir os mesmos dereitos a todas as mulleres”, subliñou a voceira na comisión.
Silva citou o caso de Galicia como exemplo da mala praxe administrativa. A Xunta mantén un requisito que penaliza precisamente ás mulleres que máis apoio precisan: as que, tras pasar meses ou anos en casas de acollida ou recursos tutelados, superan o límite de un ano desde a ruptura co agresor. “Resulta incomprensible que unha comunidade que recibe fondos estatais do Plan de Vivenda impoña barreiras adicionais que o Estado non esixe. Esa decisión non só contradí o espírito do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, Senón que atenta contra o principio de igualdade territorial no acceso aos dereitos”, afirmou.
O novo Plan Estatal de Vivenda reforza a protección
Desde o PSOE recordouse que, ademais, o Ministerio de Vivenda e Axenda urbana está tramitando o novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, cuxo proxecto se atopa en avaliación tras recibir máis de 360 achegas durante o proceso de información pública. Este novo texto mantén e amplía a protección aos colectivos máis vulnerables, garantindo unha solución habitacional inmediata e axeitada, que poderá cubrir ata o 100 % do alugueiro, con un complemento mensual de ata 300 euros para gastos de comunidade ou subministros, e unha duración máxima de cinco anos con seguimento social.
O novo plan prevé, ao mesmo tempo, que as comunidades autónomas poidan conceder axudas de forma directa e urxente cando concorran razóns xustificadas de vulnerabilidade, reforzando o principio de inmediatez e flexibilidade que inspira a política de vivenda do Goberno de España.
O PSOE reivindica a colaboración institucional
“O PP debería recordar que o Pacto de Estado naceu precisamente do consenso e da cooperación institucional. Negarse a revisar os criterios que prexudican ás vítimas é unha forma de desentenderse do pacto”, advertiu a portavoz.
O Partido Socialista defende que a coordinación non é inxerencia, senón unha obriga moral e política. “A autonomía non pode converterse en escusa para manter desigualdades. O estado e as comunidades deben traballar da man para que ningunha muller quede sen acceso a unha vivenda segura por unha cuestión de prazos ou de códigos administrativos”, dixo, e concluíu subliñando que a vivenda é tamén un xeito de protección e de xustiza para as mulleres que sufriron violencia machista. Tamén reiterou o compromiso do PSOE cunha política pública de vivenda feminista, solidaria e eficaz, capaz de chegar alí onde as mulleres máis a necesitan.