O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de facer da Comisión de Investigación sobre os recortes na Sanidade nunha “pamplina” ao vetar a cuarta proposta de comparecencias da oposición. Torrado desafiou ao goberno galego a explicar “quen non pode falar no Parlamento e por que” para ter vetado de novo as solicitudes da oposición co que, dixo, “cuspen sobre a vontade democrática.
Así o dixo logo de lembrar que a proposta presentada hoxe é a terceira proposta de redución do número de comparecentes a partir dos 200 que sumaban no primeiro plantexamento ata os 44, co que quedaría por debaixo do número de comparecentes que tivo a Comisión sobre a Política Forestal. Denunciou que o PP en realidade quere “ocultar e non dar voz” a determinadas versións, tratando a proposta da oposición “como un buffet” no que escoller libremente.
Torrado advertiu que con esta actitude teñen confirmado que o presidente da Xunta “mentiu en sede parlamentaria” cando dixo na sesión de control de onte que sería a oposición a que escollería aos seus comparecentes. Advertiu neste sentido que “ningún sistema minimamente democrático pode permitir un xuízo no que só unha das partes escolle a quen fala”, e lembrou que os socialistas “non nos opuxemos a ningún dos comparecentes propostos polo PP”.
O responsable socialista instou ao PP a “retratarse sobre se cre na sanidade ou só cre na súa versión da sanidade”, logo do que cualificou de “intento de cercenar, reducir e eliminar toda posibilidade de defender versións distintas á súa propia”.
Lamentou que o PP teña vetado por exemplo a comparecencia dos familiares do falecido na Estrada, ao médico que segundo a versión oficial da Xunta tiña que estar aquel día no PAC ou da responsable da Eoxi de Santiago e responsable da organización das quendas, Eloína Núñez, ou o representante da concesionaria do Hospital de Vigo.
Vulnerar o Regulamento
O responsable socialista acusou hoxe ao PP de vulnerar o Regulamento da Cámara ao ter iniciado a reunión da Comisión de hoxe desatendendo a solicitude de celebrar unha reunión extraordinaria previa para analizar as solicitude da oposición para incorporar aos novos comparecentes.
Esta solicitude foi denegada atendendo a un informe xurídico que, segundo consta no Rexistro, foi asinada 3 minutos despois de que comezara a Comisión, e foi recibida polos deputados media hora despois de que comezara a xuntanza da Comisión, polo que esta, sinala, “empezou sen validez xurídica”.