A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, reclamou hoxe no Parlamento a declaración pública da cultura como ben de primeira necesidade. A responsable socialista presentou no Parlamento de Galicia unha moción na mesma liña da aprobada por unanimidade no Senado hai unha semana, que desta volta foi rexeitada polo PP na Cámara autonómica.
A responsable socialista sinalou que “a cultura non é un luxo, senón unha necesidade para a nosa pervivencia e, xa que logo, un dereito que debemos garantir sempre e a toda a sociedade”, garantindo a súa preservación de cara a próximas crises. Díaz defendeu o papel da cultura durante o confinamento, cando se demostrou como “o noso balón de osíxeno en momentos de afogamento, ademais dunha ferramenta de cohesión social”.
Precisamente como consecuencia da pandemia está a ser un dos sectores máis castigados polas medidas de restrición do contacto social, ata o punto de que o Consello da Cultura Galega ten alertado dun descenso do 5,5 por cento do emprego cultural no mes de marzo, 2,3 puntos máis que o conxunto do mercado laboral. Advertiu que o Plan de Reactivación do sector presentado polo goberno en abril “se ten mostrado insuficiente”.
Por este motivo reclama un “cambio de paradigma no modelo cultural” contraposto a un modelo que “fía todo ao Xacobeo”. Reclamou un modelo que avance asentando as bases do seu tecido cultural, das industrias e da creación, que explore novos modelos culturais sostibles, que teña en conta e apoie a autonomía dos espazos culturais e a democratización das institucións culturais”.
Defendeu un novo modelo que “confíe na cultura de base e nos nosos creadores e creadoras, e que dea estabilidade orzamentaria ao sector”. Cumpre un sistema cultural, dixo, “que serva de mantedor da nosa cultura tradicional á vez que explore novos formatos e dea pulo a propostas experimentais que tamén nos identifican como pobo, que loite concienzudamente contra a precarización do emprego e que aposte pola profesionalización do sector”.
Orzamentos
Noa Díaz sinalou a necesidade urxente dun “forte incremento do gasto en cultura nos orzamentos próximos, que chegue ao 1 por cento do total do gasto público consolidado en 2021” mentres neste momento a Xunta é “incapaz de superar o 0,7 por cento”. Sinalou que “é preciso presentar xa un novo plan de reactivación do sector, duplicando os fondos asignados ao primeiro correspondente a este ano”, con axudas directas e que abra novos circuítos culturais permanentes.
A responsable socialista propuxo a creación dunha mesa de diálogo permanente e sectorializada cos representantes do mundo da cultura galega, que “dea forma á estratexia cultural dos próximos anos, que sente as bases e afiance os piares xa construídos con grande esforzo polos creadores e creadoras e o sector profesional”.
Propuxo tamén unha campaña de animación ao consumo cultural “que dea visibilidade aos espazos da cultura como espazos seguros”, e reclamou que “desboten discursos confusos que provocan incerteza nos públicos”. Díaz propuxo “estandarizar os protocolos, escoitando ao sector, establecendo criterios claros e inequívocos en canto a aforos e medidas de seguridade sanitaria, fuxindo de argumentos que levan á criminalización ou estigmatización de espazos que se veñen demostrando seguros”.