Carmen Rodríguez urxe a previr gromos nunha enfermidade que pode saltar a humanos e que ten unha taxa de mortalidade do cen por cen, pero para a que si que hai vacina
A portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez, lamentou o veto do PP, hoxe no Parlamento, a que a Xunta estableza de forma obrigatoria a vacinación antirrábica en cans, gatos e furóns. Rodríguez alerta da importancia de prever gromos desta enfermidade que xurde en mascotas pero pode ser transmitida aos humanos e que ten unha taxa de mortalidade do cen por cen.
A responsable socialista apunta que o custe do tratamento é “infinitamente superior” á extensión da vacina de xeito obrigatorio e xeneralizado ata acadar unha porcentaxe superior ao 70 por cento, como recomenda a Organización Mundial da Saúde Animal. Actualmente en Galicia só está vacinado o 9,37 por cento das 585.298 mascotas rexistradas en 2019, xa que xunto con País Vasco e Cataluña son as tres únicas autonomías na que esta vacinación non é obrigatoria.
Rodríguez sinala que malia a gravidade da enfermidade, que anualmente produce a morte de ata 55.000 persoas en todo o mundo, “afortunadamente neste caso si que contamos cunha vacina” aplicable ás mascotas. Alerta de que malia que a enfermidade practicamente está extinguida en España, si que se teñen producido gromos controlados nos últimos anos, xa que continúa vixente en Portugal, Francia ou especialmente en Marrocos.
Risco reemerxente
Carmen Rodríguez alerta dun “risco sanitario de primeira orde” dunha enfermidade “considerada unha enfermidade reemerxente debido ao incremento de casos”. Lembrou que “como lamentablemente temos comprobado, os virus non coñecen de fronteiras”, e a recente experiencia da pandemia “xustifica aínda máis a implementación dun programa preventivo fronte á rabia que inclúa a revacinación anual das mascotas”.