O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei para reclamar transporte para alumnos de bacharelato e FP que teñen que empregar a quenda de tarde para desdobrar grupos. Álvarez presentou esta iniciativa na Comisión de Educación do Parlamento de hoxe, onde advertiulles que “non dean por resolto o problema”.
Álvarez aludiu así aos anuncios do goberno galego desta fin de semana para supostamente poñer en marcha novo transporte para os estudantes da periferia de Lugo. Sinalou que “o problema non é exclusivo” desta capital, como están comunicando os distintos centros, e advertiu que “veremos se seguirán sendo usuarios gratuítos, se van pagar as familias, haberá que adaptar horarios ou alugar taxis entrando en subastas cos condutores”, como suxeriu un alcalde do PP.
O responsable socialista explicou que o problema de transporte destes alumnos deriva do anuncio por parte da Xunta, a golpe de 17 de setembro, de desdobrar grupos e alterar os horarios lectivos, deixando aos rapaces na quenda de tarde sen o transporte que compartían cos de Secundaria Obrigatoria.
Sinalou que a situación nace no Plano do Transporte Público de Galicia, onde a Consellería de Educación “cedera a competencia do transporte escolar á Consellería da Mobilidade e Infraestruturas, e aquí é onde comeza o mareo aos pais e nais”. Criticou que o pasado día 24 de setembro a Consellería “responde que o transporte é competencia de Mobilidade, e ela debe resolver o problema para que os alumnos teñan transporte escolar”.