A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista para incrementar o número de Puntos de Encontro Familiar –PEF- de Galicia e mellorar as súas condicións. A proposición non de Lei presentada hoxe por Paloma Castro en Comisión pedía ademais mellorar a seguridade das usuarias e garantir as medidas sanitarias fronte á covid sen incrementar as listas de agarda.
A responsable socialista puxo en cuestión a “xestión política do PP destes PEF”, logo de anos prometendo o reforzo da rede para ampliar e mellorar un servizo que agora só está dispoñible nas sete grandes cidades. Sinalou que “van alá a lo menos dous anos dende que se comprometeron a incluílos nos orzamentos, pero non o fixeron nin en 2019 nin en 2020, e mentres se centran en estudar as familias sofren a súa incompetencia”.
Reivindicou o incremento dos puntos actuais “alí onde sexa preciso”, e lembrou a demanda xeneralizada que se ten dado a lo menos no Salnés, Morrazo, Carballo ou a Costa da Morte. Sinalou que “as familias non recorren a estes recursos porque queiran, senón por sentenza xudicial de obrigado cumprimento”, que en ocasións lles obriga a percorrer máis de cen quilómetros polos seus propios medios nunha fin de semana.
Reclamou que “antepoñan o interese dos menores” e “garantan a seguridade das persoas usuarias”, que en ocasións teñen que acompañar aos pequenos para que estean cos pais con condena de afastamento por malos tratos. Sinalou o caso de Pontevedra, “localizado na parte de atrás do edificio de Sanidade, nunha calella sen saída mal iluminada e coa saída de emerxencia a través dun inmoble que permanece pechado nas fins de semana”.
PEF de Pontevedra
O PP negouse a cambiar a situación do PEF de Pontevedra, citado explicitamente na proposta, que tamén pedía un plan de medidas eficaces para adaptar os PEF á situación de pandemia, así como a crear novos PEF “en todas as provincias, mellorando as listas de agarda, evitando os traslados das familias e garantindo un menor número de persoas usuarias por cada centro”.
Explicou que no ano 2019 os sete puntos existentes en Galicia realizaron en torno a 25.000 intervencións, case un 70 por cento delas para intercambios e un 30 por cento para visitas tuteladas. Advertiu que “mantense un elevado e non desexado porcentaxe de casos por violencia de xénero, aproximadamente o 40 por cento dos intercambios”.