A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, lamentou hoxe a “desidia absoluta” demostrada polo goberno galego de cara á rehabilitación do Hospital de San Miguel. Así o dixo logo de que o PP vetara en Comisión parlamentaria unha proposta Socialista para rehabilitar o inmoble medieval situado no barrio da Tinería, no Camiño de Santiago e pegado á Muralla.
Denunciou o “desleixo” de PP e goberno galego co inmoble histórico, que leva dez anos en declive mentres “agardan a ver se cae para quitarlle o problema ao Xacobeo”, como unha consecuencia máis da súa estratexia de “abandonar Lugo ata estes estremos”. Reiterou que “non podemos deixar tres bens Patrimonio da Humanidade –o Camiño Primitivo, a Muralla e a Catedral- rodeando unha ruína propiedade da Xunta de Galicia”.
Criticou que a Xunta leve 10 anos “sen decidir que facer” cun inmoble que orixinalmente estaba chamado a albergar un centro de estudos xacobeos, de acordo co proxecto do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño e que foi abandonado polo PP. Puntualizou que “non estamos pedindo subvencións nin axuda, pedimos que o goberno cumpra coa súa obriga” de velar polos bens culturais de Galicia.
A proposta socialista pedía a rehabilitación do inmoble de cara ao Xacobeo 2021, xa que, en palabras de Concepción Burgo, “trátase dunha casa pequena: da tempo para facelo”. Advertiu que o único compromiso do goberno galego sexa “agora facer unha mesa entre o IGVS e a dirección xeral de Turismo para decidir que van facer” co inmoble, e advertiu que “se non atopan a que dedicala non a van rehabilitar”.
Burgo propúxolle ao goberno galego en ton sarcástico que “senten á mesa entre o IGVS e Turismo a ver se atopan unha solución antes de que pasen outros 10 anos e xa sumen 20” sen rehabilitar o inmoble. Propuxo que “nos deixen sentar a nós tamén, que lles vamos dar ideas porque si que sabemos a que dedicar” o Hospital de San Miguel.