O portavoz de Turismo do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, reclamou hoxe “un maior control democrático das actuacións da Xunta de Galicia en materia xacobea”. Así o dixo no debate en Comisión parlamentaria dunha proposición non de Lei para que o goberno galego presente trimestralmente un informe sobre as actuacións realizadas de cara á conmemoración do Xacobeo 2021, que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista solicitaba especificamente “os investimentos necesarios para potenciar as actuacións nos camiños de Santiago que se atopan en peor estado de conservación, tendo en conta as opinións de usuarios e expertos”. Alertou de que “a escaseza de sinerxias e cooperación que atopamos na promoción do Xacobeo”, fundamentalmente entre Xunta e concellos, converten estas “boas intencións” en “accións ineficientes e descoordinadas”.
Puxo como exemplo de éxito neste sentido o incremento na afluencia do Camiño Inglés, cun incremento de 24,7 por cento no número de camiñantes en dez meses de 2017, que ten “moito que ver coa alianza entre o Xacobeo e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés”, fixada “á marxe de intereses políticos”.
Reclamoulle ao goberno galego que siga ese liña marcada polo Camiño Inglés para garantirlle “maior protagonismo” á administración local, xa que “a Xunta de Galicia foi tradicionalmente a encargada de realizar este tipo de actividades relacionadas co interese turístico dos xacobeos”. Instou a romper coa inercia que sitúa aos concellos como “beneficiarios de subvencións puntuais, pero non se viron nunha cooperación continuada nesta materia coa administración autonómica”.