A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, apostou hoxe por converter ao Pazo de Meirás nun “lugar de memoria” sobre o Franquismo e a represión, ademais de sobre a figura da escritora Emilia Pardo Bazán. Castro mantivo un encontro virtual con representantes de varios colectivos galegos da Memoria Histórica.
Castro lembrou que o goberno galego ten destinado “cero euros” á Memoria Democrática nos Orzamentos para o ano 2021, e apuntou ás emendas dos socialistas que piden 1,6 millóns de euros. Estes irían destinados principalmente a exhumacións de represaliados do Franquismo, ademais de convenios coas asociacións de Memoria Histórica, actos de recoñecemento das vítimas e á retirada de símbolos franquistas.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que recupere a iniciativa do goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, que puxo a Galicia “á cabeza de España na loita pola Memoria Histórica”, unha iniciativa freada en seco coa chegada ao goberno de Feijóo e o PP. Reclamou así “reactivar uns traballos” que levan 11 anos paralizados e “volver coller o fío e o impulso destas iniciativas”.
Lembrou que foi o goberno de Feijóo o que interrompeu o convenio de colaboración coas universidades galegas para levar a cabo un programa de investigación sobre a Guerra Civil e a represión en Galicia. O mesmo que en 2009 freou o traballo a favor da recuperación da memoria democrática deixando “desamparadas e sen cobertura orzamentaria ás asociacións que levaban anos traballando pola recuperación da memoria”.
Explica que dende o ano 2003 hai en Galicia 19 fosas abertas e máis de 50 corpos recuperados en lugares como A Capela –A Coruña-, Mondoñedo, O Incio, Saa e Castroncelos – A Pobra de Brollón –Lugo-, Beade e Mosteiro de Ribeira –Ourense-, e San Salvador de Budiño, San Pedro de Tenorio e San Fiz de Gález –Pontevedra-.
Sinala que “a xestión patrimonial destes lugares é imprescindible para que a nosa sociedade reflexione activamente acerca do acontecido entón e dende entón”, e engade que “os lugares da represión deben constituírse en espazos para a reflexión colectiva, coma fixeron noutros lugares coma Alemaña”.
Castro mantivo un encontro con preto de vinte integrantes de varias entidades e asociacións como a Iniciativa Galega pola Memoria, Histagra, Iniciativa de Vilagarcía pola Memoria, o Comisionado pola Recuperación da Memoria Histórica, a Asociación 10 de Marzo, Memoria Histórica Democrática de Ferrol, a Asociación pola Dignificación das Vítimas do Franquismo de Lugo, a Fundación Luis Tilve ou O Faiado da Memoria.