Paloma Castro advirte que a normativa actual é “desfasada, ríxida e ineficaz, obstaculiza a toma de decisións, xera incerteza xurídica e impón cargas administrativas innecesarias”
A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que aprobe un novo Decreto “único e integrador” que regule a pesca marítima profesional en Galicia. A parlamentaria socialista Paloma Castro advertiu que o sector está a traballar cunha normativa “desfasada, ríxida e ineficaz”, ademais de que “obstaculiza a toma de decisións, xera incerteza xurídica e impón cargas administrativas innecesarias”.
Reclamou unha nova normativa “que estea ao servizo da xente do mar, e non ao revés” e que “integre, simplifique e actualice a lexislación existente”, regulando a pesca marítima profesional de Galicia “de forma clara, sistemática e adaptada á realidade”, contando coa participación do sector. Sinalou ademais que a norma debe aplicar criterios de boa gobernanza, primando a “simplificación, necesidade, proporcionalidade, eficacia, eficiencia, transparencia e seguridade xurídica”.
Advertiu que a realidade actual evidencia “unha gran dispersión normativa, con múltiples decretos e ordes que regulan aspectos esenciais da actividade pesqueira, como as artes e aparellos, o rexistro de buques, os permisos de explotación, ou a alternancia de artes. Estes “carecen en moitas ocasións da coordinación necesaria e a adaptación axeitada á normativa comunitaria, estatal ou mesmo á propia Lei de pesca de Galicia”, dixo.
Castro puxo como exemplo o Decreto de artes e aparellos de 2011, que a Xunta prometeu renovar dende 2014, pero “estamos en 2025 e o único que permanece é o incumprimento dos compromisos” do goberno galego, que leva máis dunha década de “inacción”. Este Decreto segue actualmente en vigor “sen revisión algunha nin adaptación á normativa europea e estatal nin integración coas novas demandas do sector nin co desenvolvemento da Lei de Pesca de Galicia.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“ O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que promova con carácter prioritario a elaboración dun novo decreto único e integrador que regule, de forma clara, sistemática e adaptada á realidade actual, o exercicio da pesca marítima profesional en Galicia, coa participación activa do sector e aplicando criterios de boa gobernanza”.