

Elena Espinosa presenta unha emenda para contar coa participación da ONCE que foi incorporada a unha proposición non de Lei aprobada hoxe na Comisión de Sanidade
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, presentou hoxe unha emenda a unha proposición non de Lei debatida no Parlamento para que a Xunta incorpore á ONCE á elaboración do protocolo de acompañamento das persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios. A emenda foi incorporada á proposta, que partía do PP, e foi aprobada na Comisión de Sanidade.
Espinosa suxeriu incorporar a esta entidade seguindo o exemplo dos protocolos de acompañamento elaborados en outras comunidades autónomas, a maior parte deles asinados precisamente coa ONCE, que conta con máis de 80 anos de experiencia no proceso de inclusión das persoas con discapacidade visual. Dixo que “esta experiencia hai que aproveitala, así como a súa sensibilidade”.
A responsable socialista pediu que “calquera modificación ou nova redacción do protocolo se basee nun proceso participativo e consensuado entre os profesionais e as persoas usuarias”, de forma que garanta “a integración dos principios de accesibilidade, participación e humanización para mellorar o acompañamento ás persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios”.
Fixo un chamado a “humanizar a asistencia” dando resposta ás necesidades específicas de cada quen, e “sinaladamente das persoas con discapacidade visual”. Pediu que o protocolo sexa “pronto” unha realidade “para que tódalas persoas poidan moverse con autonomía e seguridade polos espazos sanitarios, e contar co apoio necesario para unha experiencia sanitaria digna, accesible e humana”, e que sirva para promover valores como “a igualdade, o respecto e a inclusión”.