O Pleno do Parlamento aprobou hoxe parcialmente unha moción presentada polo Grupo Socialista para manter o galego como lingua obrigatoria no ensino e nas probas de acceso á función pública. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, alertou fronte á “involución lingüística sen precedentes” que supón a posición do líder do PP, Pablo Casado, contraria ás linguas cooficiais.
O responsable socialista presentou esta proposta logo de que o presidente do PP anunciara unha Lei de Linguas destinada a impoñer o castelán como lingua vehicular no ensino e situar ao galego como mérito pero non como un requisito obrigatorio nas probas de acceso á función pública de Galicia. Alertou fronte á consideración do líder daquel partido, quen chegou a considerar o ensino en galego como un modelo de “endogamia laboral” e de “adoutrinamento” dos rapaces e rapazas.
Álvarez advertiu “incómodos” aos representantes do PP coas declaracións de Casado, que foron ratificadas pola responsable de Ciudadanos Inés Arrimadas contra o coñecemento do galego para os profesores e profesoras. Feijóo respondeu daquela sinalando que o modelo de Galicia era o mesmo que hai 10 anos, co que “xustifica pero non defende” a acreditación de coñecemento desta lingua.
Decreto do Plurilingüismo
O responsable socialista permitiu a votación desta moción por separado, co que o PP rexeitou o punto no que pedía a derrogación do Decreto do Plurilingüismo, que Álvarez situou como causa principal de que o número de nenos e nenas que non falan galego nos 5 primeiros anos aumentara 18 puntos.
De acordo co Consello da Cultura Galega, a posta en marcha desta norma supuxo o freo ao avance do uso do galego como lingua vehicular na docencia, retrocedendo en tódolos ámbitos analizados e situándoa ao nivel dos anos 90.
Lamentou que o goberno de Feijóo impuxera aquela norma como resposta ás presións de determinados colectivos para impoñer unha enquisa sobre o uso da lingua no ensino de Galicia que foi corrixida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que “deixou claro que non era competencia dos pais”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego para que:
1. Garanta que ao remate das etapas educativas nas que o ensino da lingua galega sexa obrigatorio, o alumnado coñeza nos seus niveis oral e escrito a lingua galega en igualdade co castelán.
2. Manteña a esixencia da acreditación do coñecemento da lingua galega nos procesos de ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes naqueles procesos que se desenvolvan na comunidade autónoma de Galicia.
3. No acceso aos postos da Administración xeral autonómica de Galicia se manteña como requisito a acreditación do coñecemento da lingua galega”.