O Parlamento aprobou este xoves unha iniciativa presentada polo voceiro de sanidade do PSdeG, Julio Torrado, na que se esixe “a publicación dos datos e resultados” do estudo serolóxico da covid anunciado por Feijóo “en plena precampaña electoral”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista para esixirlle á Xunta que publique os resultados.
Torrado presentou esta iniciativa na Comisión de Sanidade celebrada hoxe, onde denunciou a ausencia de resultados meses despois, dixo, “do flamante estudo anunciado a bombo e prato nunha brillante campaña de márketing en precampaña electoral”.
O parlamentario censurou que para este estudo “do que descoñecemos criterios, utilidade e resultados”, se empregaron 100.000 test e moitas horas de traballo de profesionais sanitarios nun momento, lamentou Torrado, “no que eses test eran moi necesarios e eses recursos humanos tamén” para traballar con eficacia na loita contra a pandemia. “Practicamente paralizouse unha boa parte do persoal de atención primaria que en condicións xa precarias de protección tiveron que facer as probas para un estudo que o tempo amosou de nula utilidade”, advertiu.
Ademais “da utilización destes valiosos medios públicos en plena pandemia”, Torrado afeou aos populares “o engano descarado á cidadanía anunciando ás portas das eleccións, que en poucos días se publicarían os datos do estudo e meses despois nunca máis soubemos”.
“Como conclusión, só podemos sacar que ese estudo tivo como único obxectivo protagonizar minutos na TVG”, asegurou o voceiro socialista de sanidade, ao tempo en que lembrou que os únicos resultados que transcenderon correspondentes a primeira fase do estudo, apuntaron a un desfase notorio respecto os datos dos ofrecidos polo Goberno de España no estudo estatal “moito máis coherentes e fiables segundo todos os parámetros”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a presentar un informe cos resultados definitivos do estudo serolóxico da Xunta de Galicia, con datos abertos e con plena disposición de consulta para calquera que o precise”.