

Silvia Longueira advirte que non hai pasos de peóns, semáforos nin badéns para garantir a seguridade dos veciños e veciñas que teñen que cruzar dende a parada de bus ou para ir ás leiras ou á igrexa ao outro lado da estrada
A parlamentaria socialista Silvia Longueira presentou hoxe unha proposición non de Lei na Comisión de Infraestruturas para reclamarlle á Xunta que poña medidas de seguridade na AC-840 ao seu paso pola parroquia de Dormeá, en Boimorto. A responsable socialista criticou a contradición do PP, que votou en contra desta iniciativa ao tempo que anunciaba melloras por parte do goberno galego.
Sinalou que malia que existe un cartel que limita o tráfico a 50 quilómetros por hora, o habitual é que os vehículos, incluíndo os camións que se dirixen ao polígono de Melide, superen a velocidade xa que non atopan ningunha outra medida disuasoria. Os veciños e veciñas cruzan a diario dende a beira na que están as vivendas ao outro lado, no que están as leiras, a igrexa ou a parada do bus de liña e do transporte escolar que vén dende A Coruña sen ter ningún punto no que poidan cruzar.
Longueira advertiu do despropósito que supón que dous veciños mesmo foran multados por cruzar a vía cando non teñen ningún lugar indicado para facelo. Explicou que a estrada carece de paso de peóns e de semáforos, e nin tan sequera hai situados badéns para forzar á redución da velocidade do tráfico. Lembrou que os veciños e veciñas levan anos denunciando esta situación, e dirixíndose á Xunta dende 2021 para que tome medidas.
Reclamou a mellora desta estrada e un Plan de seguridade viaria para a AC – 840, que é “unha xincana” na práctica totalidade do seu trazado. Explicou que esta estrada vai dende Betanzos ata Agolada, onde conecta coa N-640, cruzando Oza – Cesuras, Curtis, Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Boimorto ou Melide, cun “risco notable” como evidencian os accidentes graves e frecuentes que vén rexistrando malia que ten varios tramos en proceso de renovación.