Silvia Longueira alerta de que Galicia rexistrou o peor saldo vexetativo de España en 2024 cuns datos “demoledores” que evidencian o fracaso da política demográfica do PP no Goberno galego
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, alertou fronte aos datos “demoledores” de natalidade de Galicia, que dan a medida, dixo, do fracaso da política do PP no goberno galego nos últimos 16 anos, incluíndo os 5 anos de vixencia da Lei de Impulso Demográfico. Longueira presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento no que acusou á Conselleira de Política Social de “tocar de oído”.
A responsable socialista alertou de que Galicia está ”quedando sen xente” entre 25 e 34 anos, cando máis de 8.000 mozos e mozas marchan cada ano despois de investir na súa formación 209 millóns de euros, de acordo co Observatorio Galego de Dinamización Demográfica. Resumiu que Galicia mantén “mantén a natalidade alarmantemente baixa e exportamos mozos e mozas” mentres a Xunta “xoga ao despiste” e sinala aos menores migrantes para “crear un conflito onde non o hai”.
Explicou que Galicia ten rexistrado a maior caída relativa de nacementos de todo o Estado no primeiro trimestre deste mesmo ano, cando apenas naceron 3.169 nenos e nenas. Mentres no Estado os nacementos descenderon un 0,5 por cento entre xaneiro e marzo deste ano, en Galicia caeron un 4,96 por cento, e solo no mes de marzo Galicia rexistrou 1.079 nacementos, un 6,8 por cento menos que os 1.158 que no mesmo mes de 2024.
Salientou que estes datos supoñen “un novo aviso da máxima urxencia” fronte aos “nulos efectos da suposta política demográfica do PP á fronte da Xunta de Galicia” e fía a súa estratexia a unha Lei de Impulso Demográfico que logo de 5 anos demostrouse absolutamente insuficiente. A norma, que foi presentada como “pioneira” polo goberno galego, demostrouse “chea de vaguidades, sen un obxectivo firme nin prazos concretos”.
Dixo que a Lei demostrouse “desprovista de ambición e resolución, que proxecta unha visión conservadora do concepto de familia, e que é natalista mentres o PP deixa sen pediatras aos concellos pequenos”. Afeoulles que pechen escolas rurais e “fagan cambalaches coas casas niño, convertendo en indignas as condicións das traballadoras”.