Elena Espinosa esixe unha “folla de ruta clara” con recursos e persoal cualificado para atender ás necesidades reais dos galegos e galegas
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, vén de presentar unha batería de iniciativas de impulso no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que presente un novo Plan de Saúde Mental centrado no reforzo de recursos e persoal. Os socialistas galegos levarán á próxima sesión plenaria esta proposta para esixirlle ao goberno galego unha “folla de ruta clara” fronte a un problema de primeira orde, cunha atención sinalada na prevención do suicidio.
A responsable socialista presentou estas propostas logo da alerta sinalada polo portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, fronte á falla de recursos en saúde mental denunciado polo último informe do Consello de Contas. Esíxelle ao goberno galego que se “tome en serio” o problema logo de preparar durante anos a “tormenta perfecta” limitando as contratacións e reducindo os recursos para saúde mental mentres Galicia se situaba á cabeza na taxa de suicidios.
Advirte que o goberno galego renunciou a executar o orzamento previsto para saúde mental, cando os galegos agardan máis de cinco meses para atender á primeira consulta nesta especialidade logo de 16 anos de recortes por parte dos gobernos do PP.
Sinalou que Galicia ten hoxe unha das taxas máis baixas de psicólogos e psiquiatras mentres aumenta o consumo de psicofármacos, cun incremento do 52 por cento entre os menores de 19 anos. Espinosa advertiulle ao goberno galego que “os galegos e galegas precisan urxentemente dun psicólogo ou dun psiquiatra que os atenda a tempo”, unha necesidade que “non pode ser substituída por un antidepresivo ou un ansiolítico, que non van á raíz do problema”.
Reclamou así que doten aos plans de saúde mental dos recursos suficientes, garantindo o seguimento periódico para tomar as decisións precisas co obxecto de acadar os resultados previstos. Ademais, sinalou que a contratación de persoal resulta “vital” para “garantir o acceso aos servizos adecuados en tódalas áreas sanitarias de Galicia”.
Atención integral
Espinosa reivindica unha atención psiquiátrica e psicolóxica integral e lembra que o dereito ao acceso libre e igualitario aos servizos médicos inclúe tamén a atención psiquiátrica. Reclama neste sentido un Plan seguindo a experiencia exitosa dos servizos públicos nórdicos con medidas deseñadas a curto, medio e longo prazo que integre a práctica xeral, a os servizos hospitalarios psiquiátricos e a psiquiatría social, poñendo o foco nos máis mozos e a poboación de risco.
A responsable socialista reclama unha estratexia combinada específica para a prevención das condutas suicidas, garantindo estruturas permanentes para acompañar ás persoas con ideación suicida. O obxectivo é acompañalas ofrecendo orientación, terapia e apoio práctico con atención 24 horas os 7 días da semana co obxecto de acadar a súa total recuperación e evitar un desenlace fatal.