

Besteiro mantén un encontro cos representantes do colectivo coincidindo coa lectura dunha Declaración Institucional unánime no Pleno do Parlamento de Galicia
O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo hoxe un encontro cos representantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril, coincidindo coa lectura dunha Declaración Institucional aprobada de xeito unánime no Pleno do Parlamento de Galicia. Besteiro trasladou o apoio do PSdeG á demanda deste colectivo para a mellora das conexións ferroviarias de Ferrolterra, O Eume e Ortegal.

Os socialistas galegos apoian a recuperación das frecuencias e horarios de tren entre Ferrol e A Coruña, poñer en marcha a modernización da infraestrutura ferroviaria Ferrol – Betanzos Infesta – A Coruña, e a resolución das alegacións ao proxecto de construción do bypass de Betanzos – Infesta para iniciar coa redacción do proxecto.
Piden tamén a mellora dos servizos de proximidade entre Ferrol e Ortigueira e a creación dun servizo de proximidade entre Ferrol e A Coruña e avanzar na creación dunha rede de transporte comarcal intermodal, integrando ademais o Porto Exterior e Interior na rede ferroviaria, e a chegada do ferrocarril de alta velocidade a estas comarcas. Tamén lle piden á Xunta que solicite o traspaso dos medios e os servizos de viaxeiros por ferrocarril para xestionar un servizo de cercanías.