Elena Espinosa acusa ao PP de “dinamitar o futuro” dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia
A viceportavoz primeira do Grupo Socialista, Elena Espinosa, dixo hoxe que a candidata do Grupo do PP para dirixir á TVG e a Radio Galega supón “a proposta máis radical e posicionada á dereita” das que tiñan sobre a mesa. Logo da reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento, Espinosa alerta de que desta forma consolidan a manipulaciójn informativa e “dinamitan o futuro” do ente.
Advertiu que a persoa designada é “responsable directa da etapa de maior manipulación informativa dos medios públicos de comunicación de Galicia e da maior caída da audiencia dos seus servizos informativos”. Criticou o sentido político desta proposta, a “máis radical e posicionada á dereita de todas as posibilidades que tiñan”, e os sitúa “a anos luz de calquera propósito negociador cos grupos parlamentarios”.
Espinosa salientou que desta forma están a marcar “o camiño escollido por Rueda” de “incrementar a manipulación informativa e premiar ao equipo máis submiso ás ordes da Xunta da historia dos medios públicos”. Supón un lastre insalvable para o futuro dos medios de comunicación audiovisual de Galicia logo da súa “voladura controlada” emprendida nos últimos anos, que culminou coa aprobación da nova Lei e agora coa escolla dunha persoa con este perfil.
Pleno do Parlamento
Así o dixo Espinosa logo da reunión da Xunta de Portavoces na que os grupos parlamentarios acordaron a orde do día do próximo Pleno do Parlamento, que desta volta non incluirá unha pregunta do portavoz do Grupo Socialista ao presidente da Xunta por decisión do PP coa “complicidade” do BNG a través de “subterfuxios”.
Criticou que empreguen a “escusa” de darlle entrada a unha pregunta de Democracia Ourensana, que “nunca quixemos que deixara de preguntar”, pero sen ser a cosa dos dereitos parlamentarios dos socialistas galegos. Espinosa reivindicou “calidade democrática” nas sesións parlamentarias con espazo para a intervención de “todos e todas en igualdade de condicións” e lembrou que o presidente si que respondía a tódolos grupos da oposición en anteriores lexislaturas.
O que si que terá que responder o goberno galego é á pregunta urxente do Grupo Socialista para dar conta da ausencia do presidente da Xunta da central de emerxencias a noite do apagamento enerxético. Sinalou que logo das primeiras horas nas que “non se preocuparon o suficiente”, dean conta das medida previstas para facer fronte ás perdas derivadas da falla de subministro enerxético.
O Pleno da próxima semana incluirá unha proposición non de Lei do Grupo Socialista na que lle reclamarán ao goberno galego que garanta atención aos maiores dependentes “abandonados” pola Xunta, que non abriu “nin unha sola residencia pública” dende que comezou o goberno de Feijóo e Rueda en 2009. Os socialistas galegos presentarán unha pregunta proposición non de Lei para que acorde un Plan de infraestrutura verde e conectividade que anunciou Rueda no último Debate do Estado da Autonomía.
Espinosa salientou que levarán unha interpelación para esixirlle ao goberno galego que “fagan algo” para apoiar aos sectores afectados pola guerra arancelaria iniciada polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Reclamoulles que complementen con recursos propios o paquete de axudas aprobado polo Goberno de España.
Finalmente, sinalou que o próximo Pleno incluirá dúas preguntas orais sobre a xestión das cardiopatías nas áreas sanitarias da Coruña e Cee e na de Ferrol, así como para reclamarlle á Consellería de Política Social que cumpra co compromiso de cederlle ao Concello de Foz a titularidade do edificio da residencia e do Centro de Día.