Silvia Longueira lamenta que a Xunta ten feito da “necesidade estratéxica” do retorno de emigrados “nun slogan electoral sen mecanismos reais de regreso e integración da diáspora”
A parlamentaria socialista Silvia Longueira chamou hoxe ao PP a apoiar dende a Xunta o impulso do goberno central para facilitar a nacionalización á segunda xeración de descendentes emigrados. Na comparecencia do secretario xeral da Emigración no Parlamento, Longueira afeoulle que o goberno galego teña feito da política de retorno “un slogan electoral sen mecanismos reais que garantan o regreso e integración da diáspora”.
A parlamentaria socialista lembrou que o PP tense oposto ás nacionalizacións de emigrantes galegos no estranxeiro, primeiro en 2007 e agora tamén co seu voto en contra á Lei de Memoria Histórica. Esta norma inclúe unha Disposición Adicional que facilita a nacionalización española aos descendentes de segunda xeración de españois emigrados, a coñecida en Arxentina como Lei de Netos.
Longueira sinalou que “estase saldando por segunda vez unha débeda histórica” cos galegos e galegas na diáspora, e lamentou que sexa “a pesares do PP, que sempre votou en contra”, e reclamoulle ao secretario xeral que explique os programas de retorno que ten previsto poñer en marcha a Xunta. Apuntou que a volta dos descendentes de emigrantes é unha “necesidade estratéxica” para unha Galicia condicionada polo envellecemento e a perda de poboación.
Reclamoulle ao goberno galego que apoie con feitos este proceso de nacionalización de emigrados de segunda xeración, que o goberno central ten ampliado ata o 22 de outubro, e que prevé que preto dun millón de emigrantes obteñan a nacionalidade española, gran parte deles de ascendencia galega.
Reivindicou a iniciativa do Estado de conceder a dobre titulación no Colexio Santiago Apóstol, xestionado pola Fundación Galicia – Europa en Buenos Aires e que imparte ensino exclusivamente en galego.