Patricia Iglesias esixiulle ao Goberno do PP que cumpra o acordo do Parlamento do pasado 20 de febreiro, impulsado polo PSdeG, e aprobe unha estratexia de contratación pública que favoreza a economía de proximidade a través das licitacións para hospitais, escolas infantís, colexios e residencias de maiores
A deputada socialista criticou que “non se verifica se se cumpren” a maior parte das cláusulas sociais que se inclúen nos pregos de cláusulas administrativas da Administración autonómica
A deputada socialista Patricia Iglesias reclamoulle hoxe á Xunta que prime de xeito efectivo a inclusión de produtos locais nos públicos que dependen da Administración autonómica, como poden ser os de hospitais, escolas infantís, colexios e residencias de maiores. No transcurso da reunión da Comisión Institucional do Parlamento de Galicia, recordou que o pasado 20 de febreiro o pleno da Cámara acordou, por unanimidade, instar ao Goberno galego, “a través de criterios de valoración ou condicións especiais de execución, que nos contratos deses servizos se fomentase o consumo de tempada ou de quilómetro cero”. Foi, lembrou, como consecuencia dunha iniciativa do Grupo Socialista.
Iglesias lamentou que a Xunta “non está a liderar unha contratación pública estratéxica” que maximice o impacto das compras “non só en termos de eficiencia económica, senón tamén incorporando obxectivos sociais, ambientais e de innovación”. Mentres, o Goberno do Estado aprobou o 15 de abril o Real Decreto de comedores escolares saudables e sostibles, “que fixa que polo menos o 45 % das racións de froitas e hortalizas que se sirvan nos centros educativos deberán ser de tempada, e que, polo menos, o 5 % do gasto de cada comedor se destine á compra de produtos ecolóxicos”.
Esa medida vai garantir “unha alimentación máis saudable e tamén contribuír a que os nosos agricultores, gandeiros e pescadores teñan salarios máis xustos e un futuro máis estable, e a reducir a contaminación e o desperdicio”. Por iso, a parlamentaria socialista preguntou se o Goberno do PP vai cumprir esa norma.
Patricia Iglesias sinalou que para que así sexa “é básico que nos pregos de contratación o criterio prezo non sexa o que decida a adxudicación”, algo que está a suceder nun eido no que “as grandes empresas e multinacionais de servizos levan practicamente todo”.
A deputada insistiu en que “as principais dimensións” da contratación pública estratéxica son a busca da sustentabilidade ambiental, da innovación (fomentando novas solucións tecnolóxicas e procesos), da inclusión social e laboral e do apoio ás pemes. Con isto último contribúese “ao desenvolvemento económico local”, apuntou. Dese xeito, “a contratación é un investimento, non un gasto”.
A parlamentaria socialista censurou que mentres na lexislación estatal existe unha clara tendencia favorable á incorporar nos pregos cláusulas sobre consumo de produto local na contratación pública, a Xunta permanece na “inacción”, cunha política “de brazos caídos”. Nese senso, chamou a atención sobre que “non se verifica se se cumpren” a maior parte das cláusulas sociais que si se inclúen nos pregos de cláusulas administrativas.
“Recollan o guante, póñanse a traballar e fagan realidade esta proposta útil e construtiva do PSdeG, que o que busca é cumprir coa normativa europea e estatal, e tamén impulsar o desenvolvemento económico local e a sustentabilidade ambiental”, concluíu Patricia Iglesias.