
Aitor Bouza alerta de que a partida no Orzamento da Xunta é “insuficiente” para as universidades públicas e ironiza coa “sinceridade” do secretario xeral de Universidades admitindo que “a privatización lle gusta”
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, reclamoulle hoxe ao goberno galego que “poña o acelerador” e atenda ás demandas da comunidade educativa para garantir “medios materiais, humanos e económicos” para as universidades galegas. Así o dixo na comparecencia do secretario xeral de Universidades no Parlamento, a quen lle agradeceu en ton irónico a “sinceridade” cando “di que a privatización lle gusta”.
Advertiu que “non podemos permitir que estudar dependa da conta bancaria das familias, non podemos permitir que investigar sexa un luxo e non podemos permitir que Galicia perda talento pola falla de compromiso político” do PP.
O responsable socialista instou ao goberno galego a “corrixir” un financiamento netamente insuficiente para garantir unha educación superior de calidade en Galicia logo de anos de habilitar “partidas insuficientes” obrigando ás universidades a facer “grandes esforzos” para manter o nivel educativo e investigador con baixos orzamentos.
Bouza reclamoulle ao goberno galego que garanta financiamento para a gratuidade das primeiras matrículas universitarias, unha proposta no camiño correcto, que foi defendida e impulsada polos socialistas galegos, pero que “ten que pagala integramente a Xunta de Galicia” e non pode afectar “nin un céntimo” ao financiamento universitario.
Tamén pediu que garantan financiamento suficiente para incrementar as prazas de mestrado, que a día de hoxe “son insuficientes”, e emprazou a que acepten as emendas do Grupo Socialista aos Orzamentos da Xunta.
Finalmente, afeoulle que presuman dunha suba no programa de investigación universitaria para agochar que non é suficiente porque non aumenta “nin a metade” do que reducen o Plan Galego de Investigación, que perde 22 millóns de euros, un dez por cento menos que o ano pasado. Resumiu que “se queremos vender a nosa universidade para que o alumnado veña e se quede temos que darlle recursos humanos, materiais e económicos”.