Paloma Castro esixiu unha estratexia para estender a rede de CIM, en colaboración coa Fegamp, e unha actualización do marco normativo que os regula, ante os fallos que se producen na resposta asistencial á violencia de xénero
“Non podemos consentir que unha década despois da creación dos CIM as mulleres de case o 40 % do territorio galego non dispoñan aínda dese recurso”, advertiu a deputada do PSdeG
O Grupo Socialista no Parlamento galego reclamoulle hoxe á Xunta que elabore, en colaboración coa Fegamp, unha estratexia para estender a rede de centros de información á muller (CIM) a todo o territorio galego. A través dunha iniciativa que defendeu no pleno a portavoz de Igualdade, Paloma Castro, demandoulle tamén unha actualización da normativa que regula eses centros.
A deputada do PSdeG lamentou que a comunidade leva “un ano negro no tocante a violencia machista, con catro intentos de homicidio, dous asasinatos e un por confirmar”. Trátase, dixo, de casos “terribles” aos que se unen feitos “que trasladan á sociedade unha percepción negativa dos seus representantes”, censurou en relación á resposta “totalmente errónea” que o Goberno galego, e o propio Rueda, deron ante a denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar.
“É algo moi grave e cun prexuízo profundamente machista”, afirmou ante un modo de proceder “que ten consecuencias na sociedade porque transmite unha mensaxe de sinalamento á vítima”. De feito, segundo apuntou, ese tipo de condutas “causan un efecto enormemente disuasorio entre as mulleres á hora de denunciar delitos coma unha agresión sexual, que, por certo, xa non se denuncian nun 80 % dos casos”.
Castro subliñou que os CIM son recursos “creados para evitar xusto todo iso”, e desde eles se articula “unha intervención global dirixida ás mulleres”, que inclúe asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, “así como calquera outra información encamiñada á consecución da Igualdade efectiva ente mulleres e homes”.
Porén, a parlamentaria socialista asegurou que en casos recentes de violencia de xénero “existiu unha resposta policial eficaz”, pero non ocorreu o mesmo coa resposta asistencial, tanto psicolóxica, “porque estas mulleres tiñan que estar asistidas”, coma en canto á prevención, “que é a medida máis eficaz”.
Os principais motivos desa situación son, por unha banda, “a sobrecarga de traballo”, que provoca unha merma na calidade da atención, e por outra, que non cubren toda a xeografía galega. “Non podemos consentir que unha década despois da creación dos CIM as mulleres de case o 40 % do territorio galego non dispoñan aínda dese recurso”, advertiu Castro.
Segundo recordou Paloma Castro, o PP prometeu unha modificación da normativa que regula os CIM, para actualizala e mellorala, e tamén centros móbiles para chegar a todo o territorio. “Polo de agora, nada sabemos”, criticou.