Luis Álvarez esixe “diálogo e consenso” nas modificacións nos protocolos dos centros educativos fronte á covid
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, vén de reclamarlle á Xunta que lles garanta aos concellos o financiamento da limpeza e desinfección dos centros educativos. Álvarez defenderá no Pleno do Parlamento que se celebra esta semana unha moción na que lle reclama ao goberno galego que apoie aos concellos á hora de afrontar os custes adicionais da desinfección á que lles obriga o goberno galego.
O responsable socialista insta á Xunta a realizar as modificacións orzamentarias necesarias para transferir fondos aos concellos “para que poidan asumir as tarefas de limpeza e desinfección dos centros educativos”. Lamenta que a Consellaría derive nos concellos esta nova obriga sen achegarlles o orzamento preciso para desenvolver estas tarefas.
Acusou ademais á Xunta de “resolver os problemas por translación e a custe cero”, ao derivar a xestión das novas necesidades de limpeza e desinfección dos centros sobre os concellos pero sen garantirlles o financiamento que requiren. Sinalou que “o custe cero é moi grato á hora de cadrar as contas públicas” e lembrou que o goberno encabezado por Pérez Touriño engadía competencias pero as financiaba, asumindo por exemplo os custes do gasóleo en Infantil e Primaria.
Diálogo e consenso
O responsable socialista insta ao goberno galego a que “escoite” á comunidade educativa, así como ás anpas, equipos directivos dos centros, sindicatos educativos e aos representantes da Fegamp antes de modificar os protocolos dos centros educativos para facerlle fronte á pandemia provocada pola COVID-19.
O portavoz de Educación, Luis Álvarez, presenta esta moción logo de que a Consellería de Educación se vise obrigada a modificar o protocolo de inicio do curso escolar “por non ter escoitado a equipos directivos, asociacións de nais e pais, e asociacións educativas”. Reclama que rectifiquen na súa “falla de diálogo e consenso” na toma de decisións para garantir a saúde e a seguridade do alumnado nos centros de ensino non universitario.