Elena Espinosa advertiu que é preciso cambiar cubertas, fiestras, calefaccións e falsos teitos, investir nos espazos exteriores, construír patios cubertos e pistas deportivas e eliminar barreiras arquitectónicas para mellorar a accesibilidade
O Grupo Socialista no Parlamento galego vén de reclamarlle á Xunta que execute os investimentos necesarios para a mellora, adaptación e modernización dos centros escolares públicos de Vigo. A viceportavoz primeira, Elena Espinosa, recordou hoxe no pleno que o Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta de Galicia contempla a rehabilitación dos colexios xa construídos, e no caso dos centros vigueses precísanse 36 millóns de euros para ese fin. Así o valoraron os técnicos municipais tras recibir as demandas de 13 CEIP que presentan diferentes deficiencias.
A deputada do PSdeG repasou na súa intervención as eivas que se deben subsanar nuns centros nos que urxe acometer actuacións coma cambiar cubertas e canalizacións, tanto de augas coma de saneamento, renovar fiestras, modernizar as instalacións da calefacción ou substituír falsos teitos, ademáis de construír novos patios cubertos e pistas deportivas e actuar sobre os espazos exteriores. Tamén está constatada a existencia de barreiras arquitectónicas que deben ser eliminadas. “A situación non é para presumir”, criticoulle ao Goberno de Rueda, ao que acusou de castigar a Vigo unha vez máis.
Trátase en numerosos casos, segundo asegurou, de “instalacións obsoletas e abandonadas pola Xunta de Galicia”. Pola contra, o Concello acomete obras que son “responsabilidade e obriga” da Administración autonómica.
Espinosa advertiu da necesidade de incluír partidas con ese fin nos Orzamentos do 2026. “Os colexios públicos vigueses precisan de investimentos, investimentos reais e inmediatos, que posibiliten esas melloras”, alertou a parlamentaria socialista.