Elena Espinosa critica que o Concello teña que afrontar os custes do Conservatorio que lle corresponden ao goberno galego, que “convida e Tui paga”
A parlamentaria socialista Elena Espinosa reclamoulle hoxe á Xunta que asuma as competencias que lle corresponden no mantemento e xestión do conservatorio profesional de Música de Tui. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Economía do Parlamento para afearlle ao goberno galego que “convide para que Tui pague” dende a posta en marcha das instalacións en 2004.
Reclamoulle ao goberno galego que “asuma integralmente a xestión, financiamento e persoal na súa totalidade, tanto docente como non docente” dun conservatorio que conta actualmente con 210 alumnos, 20 profesores e un auxiliar administrativo. Lembrou que este servizo está sometido “ás mesmas obrigas que se imparten en centros que dependen directamente da Xunta, moi especialmente en canto a currículum, programación ou inspección educativa”.
Explicou que a dependencia do Concello supón un elevado custe para o Concello de Tui, que ademais ten que prestar este servizo educativo a alumnos e alumnas dos concellos lindeiros, que reciben estes servizos educativos e a labor social e de dinamización cultural.
Espinosa explicou que o Conservatorio cústalle ao concello medio millón de euros ao ano, o que suporía no entorno dos 13 millóns para os 26 concellos na mesma situación, aos que a Xunta só lles entregou 1,6 millóns de euros para mantemento cando é unha competencia que lle corresponde ao goberno galego.
Espinosa reclamou un “traspaso negociado, consensuado e pacífico” da xestión do Conservatorio, así como a cobertura da totalidade dos gastos que orixine durante o tempo que lle leve ao goberno galego asumir a xestión directa do servizo.