Patricia Iglesias denuncia que a Xunta outorga “a dedo” máis da metade das subvencións incumprindo as leis de subvencións estatal e galega
A portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reclamoulle hoxe ao goberno galego que impulse un Pacto Local galego que conte coa Fegamp e os partidos políticos para rematar co abuso das subvencións “a dedo” aos concellos. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Economía logo de coñecer o informe do Consello de Contas que apunta que a Xunta da “a dedo” o 52 por cento das subvencións, segundo o último informe do Consello de Contas do pasado marzo.
A responsable socialista alertou de que o PP está a repartir a maior parte das axudas públicas entre os concellos da súa mesma cor política incumprindo as leis de subvencións tanto estatal como galega, e provocando ademais a “infrafinanciación asfixiante” das entidades locais. Reclamou un Plan de reparto “xusto e equitativo” do financiamento das administracións locais, que teñen dereito a un trato igualitario independentemente da súa cor política.
O Consello de Contas, sinala, revela no seu último informe que o goberno do PP deixou de ingresarlle aos concellos galegos 91 millóns de euros, amosando unha “clara falta de eficiencia na execución orzamentaria”. Ademais, catro de cada cinco euros orzamentados para as entidades locais teñen as finalidades pechadas, impedindo que os gobernos locais poidan decidir sobre a súa xestión.
Iglesias afeoulle ao goberno galego que continúe sobrecargando ás entidades locais de competencias que lle corresponden ao Executivo autonómico sen darlles o financiamento necesario, polo que “invita pero non paga” e ademais provoca o colapso dos servizos. Criticou que obriguen aos gobernos locais a asumir o mantemento dos centros educativos e as escolas infantís municipais ou os centros médicos diante da negativa do Executivo do PP.
Criticou que incrementen en apenas 5 millóns de euros as aportacións ao Servizo de Axuda no Fogar no Fondo de Cooperación Local, cando a Fegamp xa ten calculado que a Xunta débelle aos concellos 654 millóns de euros correspondentes ás competencias que está a descargar nestes gobernos.