
Paloma Castro reclámalle á Xunta que incorpore a Galicia as 171 medidas adicionais incorporadas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha un Plan integral para axudar ás mulleres vítimas do sistema prostitucional. Castro presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que “deixe de escudarse en discursos negacionistas” e se sume á defensa dos dereitos das mulleres, pero foi rexeitada polo PP.
Castro reclamoulle ao goberno galego axudar ás mulleres vítimas da prostitución cunha resposta integral que incorpore asistencia psicolóxica personalizada, así como apoio xurídico e laboral e unha solución habitacional temporal para superar a súa situación. Ademais, pediu incorporar ao acordo medidas para a sensibilización social e educativa sobre a explotación sexual e a igualdade de xénero.
Ademais, instou ao goberno galego a incorporar a Galicia as 171 novas medidas aprobadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero renovado o pasado 26 de febreiro. Advertiu que Galicia “non pode permanecer allea” ao novo Pacto de Estado “ampliado, actualizado e reforzado”, porque “necesita implementar políticas que desenvolvan as medidas aprobadas no Pacto de Estado”.
Explicou que o novo acordo pasou de 290 a 461 medidas que constitúen “ferramentas concretas para salvar vidas” e que incorporan a violencia vicaria, económica e dixital, que “esixen respostas actualizadas, valentes e con perspectiva feminista”.
Esixiulle ao PP que “deixen de ir a remolque, deixen de actuar tarde e de escudarse en discursos negacionistas ou minimizadores”, logo de que o director xeral contra a Violencia de Xénero afirmara que “o número de asasinatos non ten relación directa coa intensidade das políticas de prevención e sensibilización”. Advertiu que esta afirmación é “profundamente irresponsable e perigosa” e que confirma a alerta do Consello de Contas fronte ao “declive nas políticas de prevención” da Xunta.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que reafirme o compromiso institucional e político aplicando o Pacto en Galicia, mellorando as políticas con novas liñas sobre a violencia vicaria, económica e dixital ou desenvolvendo programas específicos para mulleres do rural, maiores, migrantes, mulleres con discapacidade e menores. Salientou a importancia “fundamental” de que as políticas de igualdade “incorporen de maneira real e efectiva a perspectiva interseccional”.
Tamén pediu máis recursos materiais e humanos, impulso aos programas educativos e de sensibilización en igualdade e mellorar a coordinación entre administracións e servizos sociais, educativos, sanitarios e forzas de seguridade, porque “un caso mal coordinado pode ser un caso sen protección que pode rematar en traxedia”.