Silvia Longueira alerta da “falla de resultados” da “suposta política demográfica” do PP dende a Xunta
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, lamentou hoxe o voto en contra do PP a un Plan estratéxico para frear a desertización do rural galego. A responsable socialista presentou unha moción con propostas para atender á perda de poboación no interior de Galicia e preparar os servizos públicos para atender ás necesidades futuras dos máis de 700.000 galegos e galegas de máis de 65 anos.
Longueira esixiulle á Consellería de Política Social que poña cifras e datas nun Plan de choque para frear a desertización do rural, logo de lembrar que o 97 por cento da poboación galega vive no 34 por cento do territorio, o que supón que o outro 3 por cento restante resida no 66 por cento do espazo. Reclamou unha “visión espacial do territorio e ordenar os lugares de asentamento da poboación en Galicia sen mirar a cor política”.
Criticou a “ausencia de resultados da suposta política demográfica” do goberno galego, e lembrou que se a poboación medra faino timidamente e debido aos fluxos migratorios, polo que emprazou á Consellería de Política Social a presentar en 3 meses un informe de avaliación das medidas para frear a desertización do rural.
Finalmente, pediu un cronograma coa planificación do departamento dirixido por Fabiola García en coordinación cos concellos para preparar os servizos públicos para as hoxe máis de 700.000 persoas que superan os 65 anos.