

Carmen R. Dacosta censura que a única consecuencia da peor vaga de lumes sexa “menos planificación e máis negocio” ao flexibilizar a moratoria da prohibición ao eucalipto e baleirar de contido os instrumentos de ordenación forestal a través da Lei de Acompañamento
Critica que deixaran 200 prazas de brigadistas vacantes ata agosto e “saque peito” pola contratación de maquinaria cando deixaron tractores multifunción “pechados en galpóns”
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamou hoxe a dimisión da conselleira do Medio Rural por “neglixencia grave” na xestión da peor vaga de lumes rexistrada en Galicia, que supuxo máis de 150.000 hectáreas arrasadas. Dacosta interveu na comparecencia da conselleira do Medio Rural para facer balance do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais -Pladiga-.
Dacosta censurou a actitude “indignante” da conselleira de Medio Rural, totalmente “falta de autocrítica” e só preocupada de “pechar portas, tapar erros e repartir culpas” mentres manteñen ao persoal do dispositivo “colgado con fíos”, contratado en precario e reclamando autorrescatadores operativos e EPIs seguros. Lembrou que tiveron que cubrir en pleno agosto 200 vacantes dun operativo que en tres anos vai perder un terzo do persoal por xubilacións.
Afeoulle que “saque peito” da contratación de nova maquinaria cando deixou tractores multifunción “pechados nos galpóns” por entregalos “sen sistema de retribución nin formación específica” para agora “sacar peito” da contratación de nova maquinaria. Lembrou que en Ourense só está operativo un dos catro equipos dispoñibles porque “non faltan medios, falta xestión e respecto” polo sistema de prevención cando deixan casetas de vixilancia pechadas e bases BUHO sen condicións.
A responsable socialista criticou a “inacción política” do goberno galego, que respondeu ás lapas con “abandono”, sen ter aprobado o Plan de integral de recuperación que reclaman en San Vicente, Alixo, Viloria ou Petín mentres ven como “cada chuvia arrastra cinzas e troncos aos ríos”. Censurou que ofrezan “silencio e fotos” máis alá dun decreto de axudas que é un “exemplo de burocracia e descoñecemento da realidade”.
Acusou ao goberno galego de facer “anuncios baleiros” cando as axudas son aprobadas con “prazos imposibles, tramitación telemática excluínte e límites de 15.000 euros que non cobren nin as perdas básicas”, e que ademais “non contemplan perdas plurianuais nin compensación real para viñedos, produtores de castaña ou apicultores”.
Denunciou que a única consecuencia real da peor vaga de lumes rexistrada en Galicia sexa “menos planificación e máis negocio” empregando a Lei de Acompañamento aos Orzamentos da Xunta para flexibilizar a prohibición do eucalipto convertendo a moratoria en papel mollado. Afeoulle que empreguen a mesma norma para “baleirar de contido os instrumentos de ordenación forestal”, como son os Plans de Ordenación dos Recursos Forestais baixo o eufemismo da “simplificación”.
1.900 millóns sen executar
Carmen Dacosta subliñou que “o problema non é a falta de fondos, é a falta de xestión, porque os orzamentos non serven de nada se non se executan, se non se planifican e se non se avalían”. Deste xeito aludiu a que a Xunta deixou sen executar máis de 1.900 millóns de euros incluídos nos Orzamentos dende 2009, 214 deles só entre 2023 e 2024.
Estes son os datos, dixo, da súa falla de política forestal dun goberno que desatendeu as 123 recomendacións da Comisión de Política Forestal e que presenta o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais -Pladiga- a escasos días da campaña de incendios. Advertiu a “falla de resultados reais” deste Pladiga agás a peor vaga de incendios de Galicia, con máis de 150.000 hectáreas arrasadas e na que “arderon fogares, explotacións, soutos centenarios e esperanzas de futuro”.
Diante da falla de cambio de modelo de prevención, esixiulle á conselleira que presenten o Pladiga antes do 31 de outubro “como marca a Lei”, ademais de publicar un informe anual por distritos, medidas preventivas reais antes da temporada de alto risco, así como a cobertura inmediata de vacantes e planificar o relevo xeracional.
Tamén reclamou material operativo, utilizar tractores multifunción con persoal formado e retribucións dignas, así como un Plan de recuperación de Valdeorras e axudas reais para os produtores afectados.