A deputada Patricia Otero sinalou que este novo paso na tramitación da proposición de lei marca “unha diferenza entre o Goberno de Pedro Sánchez e os anteriores do PP”, que bloquearon o debate da norma no Congreso
A parlamentaria socialista defendeu a necesidade de “seguir o camiño cara a gratuidade da autoestrada” independentemente do traballo da ponencia que debaterá as emendas na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible da Cámara Baixa
Hoxe pechouse no Congreso dos Deputados o prazo de presentación de emendas á proposición de lei de transferencia a Galicia das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico (AP-9). Unha vez finalizado ese período, constituirase na Comisión de Transportes e Mobilidade Sustentable da Cámara Baixa unha ponencia que se encargará dos traballos para dar continuidade á tramitación da norma.
A deputada Patricia Otero, vocal do Grupo Socialista na devantidta comisión, explicou esta tarde que a partir de agora será o momento de estudar cuestións que mostran certa complexidade con respecto da transferencia. Tal como sinalou, “desde que se comezou a falar desa transferencia, o escenario mudou, xa que entón non existían as bonificacións que hoxe hai grazas ao Goberno central, e Europa aínda non entrara a analizar a legalidade da prórroga da concesión ata o 2048 por parte de Aznar”. A parlamentaria fixo referencia tamén a que a AP-9 é unha vía con continuidade noutro país, algo que ata o momento tiveron en conta todos os gobernos cos que se chegou a abordar o asunto. “Isto sempre estivo enriba da mesa, tamén cos executivos do PP”, recordou.
Otero defendeu como un aspecto “dentro da normalidade” que o Estado analice e discuta todos os aspectos que debe contemplar a futura lei, incluídas as implicacións que ten o feito de que a infraestrutura se xestione a través dunha concesión e que o Estado teña despregado e manteña un sistema de bonificacións sobre as tarifas que aboan os usuarios e usuarias. “Estamos a falar dun traspaso do cal derivan unha serie de dereitos e obrigas, e polo tanto, require dun estudo minucioso”, explicou a parlamentaria do PSdeG. Apuntou tamén que os socialistas impulsaron unha serie de emendas nese senso, co fin de que o seu debate sirva para “garantir que calquera transferencia se faga con seguridade xurídica, con viabilidade e sen poñer en risco os compromisos económicos nin os servizos que hoxe dependen do Estado”. “Por suposto, ese debate enmárcase dentro do máximo respecto a unha iniciativa que foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia”, afirmou.
Para Otero, o avance na tramitación marca “unha diferenza clara entre o Goberno de Pedro Sánchez e os anteriores do PP”. Os socialistas, “mentres discuten argumentos, subvencionan o tránsito pola AP-9 ata o 75 % do custe, pero os populares só discutían sobre a titularidade sen poñer nin un só euro para alixeirar a pesada e envenedada carga que herdamos de Aznar”, lamentou. Así, valorou que “grazas ao Goberno de España, os galegos e as galegas gozan xa das maiores bonificacións de peaxes do país, máis de 80 millóns de euros ao ano”. “Esas axudas páganse con fondos do Estado, e a posibilidade de transferir a competencia sobre a vía mentres se mantén a titularidade estatal é, posiblemente, o mellor garante de que se poidan seguir aplicando. As emendas teñen como obxectivo asegurar que ninguén perda esas vantaxes”, detallou.
“Por certo, hai que lembrar que cando o PP empezou a reclamar a titularidade da autoestrada, tras bloquear o traspaso cando gobernaba, non existían esas bonificacións das que gozamos agora os galegos e as galegas”, subliñou a parlamentaria socialista, que tamén apuntou que os populares só decidiron apoiar esta lei orgánica en Galicia “cando souberon que Feijoo non gobernaría en Madrid”.