Luis Piña reafirmou o compromiso do PSOE “co pleno desenvolvemento do Estado autonómico” e lembrou que o Executivo “demostrou con feitos que avanza nesa dirección”
O deputado do PSdeG advertiulle ao Partido Popular que “non se pode ondear a bandeira da autonomía os luns e promover a recentralización os martes”
O deputado socialista Luis Piña defendeu esta tarde na Comisión de Política Territorial do Congreso o compromiso do PSOE “co autogoberno de Galicia e co desenvolvemento pleno do Estado Autonómico”. Recordou o parlamentario do PSdeG que o Goberno central “xa demostrou con feitos que avanza nesa dirección” e sinalou que o acordo e o respecto á Constitución e ao Estatuto “son o camiño”.
No transcurso do debate dunha proposición non de lei do Grupo Mixto en relación á transferencia de competencias, Piña chamou a respectar as canles previstas para materializalas, dentro da Comisión Mixta e conforme á Carta Magna, e a atender os procesos con “diálogo sereno”, ao tempo que advertiu que “non cabe impoñer desde o Congreso nin calendarios nin listas pechadas de materias”.
Sinalou, ademais, que as transferencias “non son un fin en si mesmas, senón unha ferramenta para mellorar a vida das persoas” que require recursos, estruturas e capacidade de xestión, ao que uniu “responsabilidade por parte de quen as recibe” para garantir a súa eficacia.
“En Galicia levamos tempo vendo ao Partido Popular utilizar o autogoberno a conveniencia: reclámao en Galicia, pero bloquéao e recórtao en Madrid”, denunciou Luis Piña, que lle advertiu ao PP: “Non se pode ondear a bandeira da autonomía os luns e promover a recentralización os martes”. “O autogoberno non se usa. Exércese con resultados, coherencia e compromiso”, afirmou.