Paricia Iglesias critica que os de Rueda “sigan no negacionismo, a hipérbole e a demagoxia” para rexeitar a proposta socialista para integrar a perspectiva de xénero a todo o ciclo orzamentario
A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu que ao conselleiro de Facenda e ao PP “non lles gusta” incorporar a perspectiva de xénero aos Orzamentos da Xunta. Así o dixo durante o debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista precisamente para integrar esta perspectiva a “todo o ciclo orzamentario” que o PP rexeitou na Comisión de Economía.
Sinalou que o PP ten demostrado a súa incomodidade con este debate demostrando que “seguen no negacionismo, a hipérbole e a demagoxia e sen respectar o debate lexítimo no Parlamento” para xustificar o seu rexeitamento a esta proposta. Por outra banda, o propio conselleiro amosa a súa postura cada ano cando incorpora uns informes de igualdade da Conta Xeral que son en realidade un “copia e pega” que se repite cada ano “sen modificacións significativas”.
Iglesias declarouse hoxe “horrorizada” pola resposta do PP recorrendo a un “ataque nauseabundo” propio da “ala dura” do partido cando en realidade “non saben nin a diferenza entre a fenda de xénero vertical e horizontal, e recomendoulles que “fagan un cursiño”.
A responsable socialista pedira hoxe incorporar a perspectiva de xénero “dende o inicio da planificación” dos Orzamentos “ata o seguimento final, cunha avaliación real e indicadores de impacto”, ademais de informes anuais sobre o impacto das contas da Xunta na igualdade de xénero.
Tamén solicitaba potenciar a participación social, permitindo que organizacións feministas e de mulleres participen no proceso orzamentario, reforzando o papel do Instituto Galego da Muller e unha unidade específica na Consellería.
Reclamoulle ao PP que siga o exemplo de outras comunidades autónomas como Cataluña, que ten incorporado por exemplo o urbanismo inclusivo, ou Euskadi, con presupostos sensibles ao xénero, así como concellos como os de Barcelona ou Valencia, que incorporan a paridade nos contratos públicos e nos proxectos de coidados. Resumiu que Galicia “non pode quedar atrás” porque “mulleres e homes non temos as mesmas oportunidades nin asumimos as mesmas cargas”.