Marina Ortega leva ao Parlamento “situación límite” destas residencias logo de rexistrar o martes 13 de outubro “a maior cifra de falecementos nunha mesma xornada dende o pasado 26 de abril”
A portavoz de Política Social, Marina Ortega, insta ao goberno galego a intervir as residencias de maiores Val de Monterrei e Nosa Señora do Viso en Lobeira para “evitar máis falecementos” entre as persoas usuarias. Ortega presentou unha batería de iniciativas parlamentarias logo de rexistrarse o martes 13 de outubro once novas defuncións por covid, “o que supón a maior cifra de falecementos nunha mesma xornada dende o pasado 26 de abril”.
A socialista urxe á Xunta a tomar medidas preventivas e “non actuar cando os contaxios invaden o centro na práctica totalidade”. Lamenta que tanto nas residencias Val de Monterrei como en Nosa Señora do Viso a situación “xa é límite, tendo en conta que hai 70 e 50 contaxios por covid respectivamente”. Parte da provincia de Ourense atópase en proceso de alerta máxima (nivel 3) “con medidas moi restritivas e confinamento perimetral”.
Ortega asegura que “é preciso que a Xunta interveña a xestión para poder dotar do persoal suficiente, así como de recursos que habiliten unha mellora na atención das persoas interinas”. Os centros de atención residencial configuran “o núcleo máis vulnerable neste contexto” polo que precisan “parámetros claros e obxectivos na forma de actuar”.
A portavoz socialista lamenta que durante a segunda onda da pandemia, en Ourense, as residencias de Pereiro, Val de Monterrei e Nosa Señora do Viso en Lobeira “tiveron focos masivos e de xeito abrupto”. Neste marco, asegura, foi intervida a primeira pola Xunta “tralo contaxio de practicamente a totalidade de usuarios do centro”.