Silvia Longueira alerta da perda de liñas de formación e profesorado nas escolas oficiais de idiomas e sinala que “queda moitísimo por facer” para impulsar o portugués en Galicia no eido audiovisual
A portavoz de Lingua e Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, esixiulle hoxe ao goberno galego que incorpore nos orzamentos da Xunta unha partida específica para o impulso do portugués en Galicia ao amparo da Lei Paz Andrade de fomento da lusofonía. Así o dixo na comparecencia do director xeral da Lingua para dar conta do cumprimento desta norma.
Alertou da falla dunha planificación concreta para o cumprimento desta norma, que require dunha “formulación seria” que se traduza nunha “presentación nos Orzamentos da Xunta de cal vai ser o plan que se vai levar para o portugués no próximo curso”. Apuntou que o impulso do portugués en Galicia cuns orzamentos concretos repercutirá tamén na suba en “moitos máis puntos” do uso do galego.
Longueira afeoulle ao director xeral de Lingua que presenten unha compilación de actuacións “que xa estaban a facer” para o fomento do portugués e o impulso das relacións lingüísticas co país veciño que “traen ao particular” da Lei Paz Andrade, pero que en realidade responden á “máquina de propaganda”. Afeoulle o desleixo para a posta en marcha desta Lei, que “durmiu o soño dos xustos” dende a súa aprobación na Cámara autonómica por Iniciativa Lexislativa Popular en 2014.
A parlamentaria socialista sinalou a situación das escolas oficiais de idiomas, que están a perder liñas de formación en portugués, así como de profesorado, pola falla de impulso do goberno galego, e apuntou ademais que “queda moitísimo por face” no impulso do portugués na produción audiovisual galega.