Patricia Iglesias acusa ao goberno galego de “improvisar”, actuando mediante “parches”, provocando “inseguridade xurídica que produce a fuxida dos investimentos
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle á Xunta que elabore un Plan de repotenciacións eólicas “ordenado, ambientalmente responsable e socialmente xusto”. Iglesias presentou unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que aprobe con urxencia un Plan que regule as repotenciacións obrigadas pola Lei de medidas de 2025, pero foi rexeitada polo PP.
Criticou a “improvisación lexislativa e a falta de planificación” por parte do goberno galego, que ten sumido a Galicia no “caos enerxético” logo de 17 anos de goberno, nos que Galicia pasou de ser a primeira potencia eólica a ocupar o quinto lugar, con 90 parques eólicos suspendidos. Acusou ao goberno galego de despregar unha política eólica “feita a golpe de improvisación, de urxencias lexislativas e de medidas introducidas pola porta de atrás na Lei de Acompañamento.
Advertiu que a día de hoxe non hai “nin un solo Plan integral de ordenación das repotenciacións” por unha xestión improvisada para “construír a casa polo tellado, con parches e máis parches”, provocando o “cabreo” de sector, ecoloxistas e veciños. Ademais, responsabilizou a PP e BNG da “pinza” para votar en contra do Decreto antiapagón que daba “osíxeno temporal” para que os parques puideran conectarse á rede eléctrica, pero “Feijóo manda, Rueda obedece e Galicia perde”.
Iglesias reclamou un Plan ou norma específica que regule de forma específica as repotenciacións obrigadas, incluíndo a obriga da reciclaxe e reutilización das palas dos aeroxeradores, prohibindo a súa acumulación como residuos non tratados. Tamén reclamou mecanismos de control e sanción ás empresas que incumpran cos plans de desmantelamento e o fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico.
Esixiulle á Xunta “planificación e non propaganda”, e resumiu que “estamos en contra da improvisación, dos parches e da inseguridade xurídica” provocada polo desleixo do goberno galego que está a provocar a fuxida dos investimentos fóra de Galicia”. A parlamentaria socialista subliñou que “non hai transición enerxética posible sen sustentabilidade, nin sustentabilidade posible sen planificación”.