Paloma Castro presenta no Parlamento a petición da Anpa e do Concello para equiparar o horario do centro ao resto das escolas
A parlamentaria socialista Paloma Castro vén de presentar na Cámara Autonómica unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta “responsabilidade, empatía e axilidade” para adecuar os horarios do CEIP de Rubiáns -Vilagarcía de Arousa- á maioría dos centros educativos. Actualmente, o horario lectivo vai de 09,50 a 14,50, cando o resto dos centros funcionan en horario de 09,15 a 14,15.
A responsable socialista leva ao Parlamento a petición da Anpa e do Consello Escolar do Centro, que alertan de que este horario “leva anos xerando problemas de conciliación familiar, dificultade para organizar os tempos de xantar e incompatibilidades co transporte escolar para moitas familias”. A petición de mudar o horario ao tramo máis común ten o apoio maioritario das familias, está avalada por máis de 1.200 sinaturas e foi apoiada por tódolos grupos políticos do Concello.
Criticou que as consellerías de Educación e de Mobilidade rexeitaran ou atrasaran sistematicamente a autorización do cambio horario alegando que este afectaría ao transporte compartido con outros centros, e condicionándoo á modificación de horarios naqueles. As familias consideran este argumento “inxustificado, inxusto e contrario á autonomía organizativa dos centros”.
Castro lamentou que a Xunta “non ofrece solucións alternativas nin facilita o diálogo directo”, limitándose a “escudarse en razóns técnicas” para agochar a súa “falla de vontade política para resolver unha situación que prexudica ás familias. Reclamoulle que respecte a vontade da comunidade educativa e habilite os mecanismos necesarios para facilitar os cambios de horario que estean “xustificados e sexan necesarios e asumibles tecnicamente”.