
Aitor Bouza puntualiza que a falla de vivenda deriva de 16 anos nos que o PP “non fixo nada” e critica o anuncio de 2.000 novos bonos alugueiro da Xunta porque “seguen a quedar 10.000 mozos e mozas sen acceso” á axuda
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, reclamoulle hoxe á Xunta que deixe de lado os “anuncios de pandeireta” e asuman a competencia exclusiva do goberno galego para construír vivenda pública. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Vivenda no Pleno do Parlamento, á que lle afeou que anunciara hoxe 2.000 novos bonos alugueiro, o que suporá que seguirán deixando a máis de 10.000 mozos e mozas fóra das axudas.
O responsable socialista explicou que o goberno galego deixou sen axudas a tres de cada catro solicitudes por esgotar o orzamento, un total de 12.200 mozos e mozas aos que lles denegaron o bono alugueiro, para que agora fagan, ironizou, o “gran anuncio” de que van conceder 2.000 bonos máis para menores de 36 anos.
Advertiu que hoxe falta vivenda porque o PP “non fixo nada en 16 anos que leva gobernando”, nos que fixo caso omiso dos informes reiterados da Valedora do Pobo, que leva a lo menos dende 2014 alertando da falla de vivenda pública en compra ou alugueiro. Bouza lembroulle á conselleira que o PP leva gobernando dende 2009, e é agora cando “ven dicirnos que non hai vivenda pública: claro, porque non a fixeron”, remachou.
De feito, lembrou que o PP reduciu drasticamente o orzamento do programa de Acceso á Vivenda dende os 109 millóns orzamentados polo goberno de Touriño en 2009 ata uns “indecentes” 3 millóns en 2017, dos que ademais “non executaron nin a metade”. Cualficou de “drama” que en 2018 só executaran o 0,5 por cento deste programa, e seguiran na mesma liña ata chegar a 2024, cando só chegan ao 30 por cento, e na primeira metade de 2025 apenas o 5 por cento.
Esixiulle á conselleira que explique “se van executar os fondos” dispoñibles e reclamou un “cambio real” dos “anos de desgoberno” do PP, que levaron a que en Galicia “non haxa vivenda, tampouco axudas nin unha política clara” para axudar á cidadanía fronte ao incremento dos prezos máis intenso dos últimos 20 anos. Reclamou que “deixen de confrontar” co goberno central, ao que esixen máis fondos ao tempo que recorren ao Constitucional cando pon solucións enriba da mesa.
Criticou tamén o desleixo e a “incoherencia” do PP fronte á vivenda baleira, logo de que Feijóo atacara ao goberno de Touriño cando había 60.000 vivendas baleiras, polo que retrucou que “mamaíña o que diría o PP hoxe, que hai máis de 500.000 vivendas baleiras e están sen facer nada”. Afeoulles que sinalen ás 1.700 vivendas da Sareb en Galicia ao tempo que Feijóo vota no Congreso contra á cesión destas vivendas a Galicia.
Reclamoulles que “fagan como Cataluña” e cheguen a un convenio co Ministerio de Vivenda para acadar a cesión das vivendas, que “se pode facer: O que teñen é que poñerse a traballar sen intentar confrontar permanentemente”.