Patricia Iglesias sinala que “Galicia merece un goberno limpo, transparente e comprometido co ben común, que respecte as regras e que renda contas”
A portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, emprazou hoxe ao PP a comprometerse coa rexeneración democrática a través de “mecanismos sólidos e contrastables”. Iglesias presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para pedirlle ao goberno galego que aprobe unha Lei Galega de Integridade Pública con “medidas claras en materia de conflitos de intereses, incompatibilidades e regulación de portas xiratorias”, que será votada mañá mércores.
A proposta socialista inclúe a regulación efectiva da actividade dos lobbies, a redución drástica do uso de contratos menores, para impulsar procedementos que favorezan á concorrencia, e o control público reforzado das sociedades públicas. Tamén propuxo modificar o código ético vinculante para cargos públicos e directivos de empresas públicas, que inclúa procedementos sancionadores e supervisión independente.
Iglesias censurou a “hipocrisía sen límites do PP fronte á corrupción”, e contrastou a contundencia do PSOE coa resposta dos de Feijóo e Rueda, que “manteñen a 48 imputados e teñen 30 causas penais pendentes” sen ter iniciado ningún tipo de investigación interna nin asumir responsabilidades políticas.
Ademais, puxo como exemplo á opacidade e falta de transparencia na xestión das sociedades Impulsa Galicia ou a Sociedade Galega de Recursos, como vén de sinalar o Consello de Contas, ou o “pacto secreto” do goberno galego con Altri. Advertiu que “Galicia non é o cortello privado de ningún partido político”, que “merece un goberno limpo, que xestione con honestidade e dea exemplo, non un goberno de favores, de contratos a dedo e de silencios cómplices”.