Paloma Castro considera unha “profanación da historia” e unha “falla de respecto” que o goberno galego organice unha festa pirata ou clases de bachata en San Simón, onde houbo preto de 500 mortes entre 1936 e 1943
A portavoz de Memoria Histórica do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe ao PP que apoie dende o goberno galego a declaración inminente da Illa de San Simón e do Pazo de Meirás como Lugares de Memoria por parte do goberno central. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para que o goberno galego contribúa no recoñecemento e preservación destes lugares que será votada mañá xoves.
Castro reclamoulle ao PP que impulse “actividades que permitan preservar na memoria colectiva os desastres da guerra e da ditadura”, lonxe da “falla de respecto” coa que organizou hai escasas semanas unha festa pirata ou clases de bachata na Illa de San Simón autorizado pola consellería de Cultura e o Museo do Mar que supoñen unha “profanación da nosa historia”.
Advertiu que “non é moralmente aceptable” tratar así un lugar que foi un campo de concentración no que se produciron preto de 500 mortes entre 1936 e 1943, “asasinatos por fusilamentos, polas malleiras ou polas condicións dos máis de 6.000 presos que pasaron pola illa”.
A responsable socialista criticou que o goberno galego “non cumpriu ningunha das recomendacións impostas pola Lei de Memoria Democrática de 2022” simplemente porque “non lles gusta” a Lei aprobada seguindo a recomendación do Coinsello de Europa. Lembrou que a norma supón un “vehículo fundamental para fomentar o coñecemento das etapas democráticas da historia de España e de Galicia e manter a memoria das vítimas”.
Paloma Castro propuxo nesta iniciativa constituír o Consello da Memoria Democrática de Galicia para o asesoramento, información, debate e estudo das propostas en defensa e promoción dos dereitos humanos, tal e como figura na Lei de Memoria. Tamén propuxo impulsar unha campaña anual de memoria LGTBI en centros educativos, culturais e medios públicos galegos cada mes de xuño, coincidindo coas celebracións do Orgullo, porque “lembrar tamén é educar e previr”.