Elena Espinosa reclama fiscalizar un informe sobre as subvencións “a dedo” concedidas polo PP dende o goberno aos concellos
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Elena Espinosa, reclamoulle ao PP que acepte a proposta de modificación das normas da Comisión do Consello de Contas para aumentar as convocatorias deste órgano e adiantar a aprobación do Plan de Traballo e que “sirva realmente como ferramenta de planificación”. Así o dixo na sesión deste órgano no que hoxe debateu o Plan de Traballo de 2025, os informes de fiscalización dos anos 2022 e 2023 e a contabilidade das últimas eleccións autonómicas.
Espinosa chamou a actualizar o marco normativo da Comisión do Consello de Contas, que quedou desfasado logo de 30 anos, ademais dos cambios de competencias trala reforma da Lei do ente fiscalizador do ano 2015. Os socialistas galegos propoñen aumentar as sesións deste órgano, que actualmente o PP reduce a escasas sesións en pleno verán, polo que os debates quedan desfasados e opacados.
Ademais, reclamou adiantar a presentación do Plan de traballo ao mes de decembro para que “sirva realmente como ferramenta de planificación”, xa que “non ten sentido” que sexa tratado precisamente nesta sesión cando xa vai alá a metade do ano.
Espinosa defendeu as 46 recomendacións que presentaron os socialistas galegos ao Plan de Traballo deste ano, das que foi aprobada unha transacción para que Contas faga un seguimento da fiscalización do endebedamento entre os anos 2018 e 2025. Das 33 resolucións ao informe de fiscalización das contas, só foi aceptada unha transacción para reclamarlle á Xunta que axilice os procesos de reclamacións de responsabilidade patrimonial.
A responsable socialista lamentou que rexeitaran a proposta de fiscalización do Plan Rexurbe ou a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia. Tamén propoñen un informe sobre as subvencións concedidas “a dedo” concedidas aos concellos polo PP dende o goberno galego.
Tamén pediu fiscalizar o impacto económico e social dos beneficios fiscais da Xunta nos últimos 10 anos, así como a calidade e o custe dos centros de maiores ou do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar que están a reclamar “tódolos concellos independentemente da súa cor política”. Finalmente, propuxo unha serie de iniciativas relativas ao Sergas, incluíndo un informe sobre a accesibilidade á atención Primaria e a avaliación das urxencias hospitalarias.
Recomendación ao Plan de traballo de 2025 aprobada hoxe:
Transacción da recomendación número 10 do PSdeG:
-“O Parlamento de Galicia recomenda ao Consello de Contas elaborar un informe de seguimento da fiscalización do endebedamento autonómico. Exercicios 2018 – 2025, e o diferencial co resto das comunidades autónomas”.
Resolución ao Informe de Fiscalización do sector público e aprobada hoxe:
Transacción da Resolución núm. 21 do PSdeG:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar a traballar para mellorar e axilizar por parte do Sergas os procesos de reclamacións de responsabilidade patrimonial, reforzando a análise sobre os incidentes acontecidos e para avanzar no obxectivo da súa minoración, promover criterios homoxéneos que garantan unha maior calidade da instrución e regular o funcionamento da Comisión de Seguimento existente”.