

Lara Méndez denuncia que o goberno galego asfixia aos concellos con competencias impropias mentres utiliza convenios “a dedo” para “calar vontades de alcaldes do PP”
A portavoz de Administración Local do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe ao goberno galego de “asfixiar” aos concellos con competencias impropias mentres os deixa sen recursos. Méndez presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que puxo como exemplo o canon da auga para denunciar o uso “discrecional” dos fondos públicos para asfixiar aos gobernos do PSdeG.
A responsable socialista explicou que Augas de Galicia está a recadar en torno ao 70 por cento dos ingresos do canon da auga en concellos gobernados polos socialistas galegos, mentres ao mesmo tempo en 2023 entregou o 77 por cento a concellos do PP, unha porcentaxe que ascendeu ao 72,7 por cento en 2024. Méndez tirou de experiencia propia como alcaldesa de Lugo, unha etapa na que Augas recadou máis de 13 millóns deste concello, pero lle repercutiu de volta “cero euros”.
Méndez dixo que os concellos están “preocupados e asfixiados” pola práctica do PP, que emprega leis, decretos ou a propia Lei de Acompañamento aos Orzamentos para sobrecargalos con competencias que en realidade lle corresponden á Xunta sen garantir fondos adicionais. Os gobernos locais teñen que asumir en primeira persoa o constante incremento dos costes do Servizo de Axuda no Fogar ou a limpeza das franxas secundarias.
Acusou ao goberno galego de empregar os convenios para repartir fondos “a dedo” e así “calar as vontades dos alcaldes do PP que tamén protestan” polo infrafinanciamento das administracións locais. Sinalou así o uso da Axencia de Turismo como “chequeira” da responsable do PP de Lugo, mentres a utilizan para repartir de forma discrecional apenas 40.000 euros ao Arde Lucus, que é Festa de Interese Turístico Internacional, e máis do triplo á Festa Indiana, que recibe 150.000 euros.
Engadiu que o goberno galego ten incrementado en 30 millóns de euros o Fondo adicional para repartir con criterios discrecionais mentres mantén conxelado o Fondo Local Base, que se distribúe con criterios obxectivos, dende hai 17 anos.