Carlos López Font alerta de que a Xunta provoca indefensión dos concellos e consolida un urbanismo “de dúas velocidades”
O portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Socialista, Carlos López Font, alertou hoxe de que a simplificación dos trámites urbanísticos anunciada polo goberno galego agocha o seu apoio exclusivo ao sector privado mentres baleira de competencias aos concellos. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Urbanismo para dar conta no Parlamento da ordenación urbanística municipal de Galicia.
O responsable socialista sinalou que a regulación das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal, que vén de ser remitida ao Consello Consultivo esta mesma semana agocha a imposición dun urbanismo “de dúas velocidades, con dous tipos de cidadáns”. Acusou ao goberno galego de separar aos cidadáns que poidan asumir o custe dunha Eccom para presentar a súa licencia e os que teñan que ir pola vía ordinaria.
Ademais, advertiu que ao equiparar as licencias tramitadas por estas entidades cos concellos sitúa ás entidades locais en situación de indefensión por exemplo fronte a reclamacións posteriores de terceiros.
López Font explicou que este anuncio supón un novo paso do goberno galego a favor dos intereses empresariais en detrimento do interese público que comezou coa presentación da Lei de Acompañamento aos Orzamentos e a creación da sociedade Vipugal para centralizar a promoción de vivenda pública “cando xa existía o Instituto Galego de Vivenda e Solo”.
Afeoulles que no canto de garantir máis apoio público para fortalecer a relación entre os dous niveis administrativos, en realidade a Xunta dea pasos no sentido contrario empregando os Proxectos de Interese Autonómico para panificar á marxe e por riba da normativa municipal..
Falta de colaboración
López Font apuntou que o escaso número de concellos cunha ordenación urbanística aprobada amosa a falta de implicación e de colaboración dos gobernos de Feijóo e Rueda durante os últimos 16 anos nos que se dedicaron a “poñer trabas” en lugar de axilizar as tramitacións. Por iso, dixo, Vigo é a única das 7 grandes cidades que conseguiu sacar adiante a ordenación a costa da negativa da Xunta a desenvolver ningún proxecto nin colaborar na construción de infraestruturas.
Ademais, dos 202 concellos de menos de 5.000 habitantes só hai 4 cos plans básicos autonómicos aprobados e outros 20 que os teñen iniciados, o que evidencia un “panorama desalentador” en Galicia, onde resulta “certamente imposible que os concellos aborden o ordenamento urbanístico”.