A deputada socialista Sivia Longueira anuncia unha reunión a vindeira semana co secretario de Estado de Infancia e Xuventude, Rubén Pérez, na que abordarán este tema entre outros
A deputada socialista Silvia Longueira denunciou hoxe en rolda de prensa no Parlamento de Galicia que a negativa do Partido Popular a participar na acollida solidaria de menores migrantes en Galicia “só pode explicarse por posturas racistas ou xenófobas” e pola súa “alianza coa extrema dereita”.
Longueira lembrou que o PP “levantouse de todas as mesas de diálogo” nas que se abordou esta cuestión, negándose a formar parte de grupos de traballo, a visitar os centros de menores en Canarias e mesmo votando en contra da reforma do artigo 35 da Lei de Estranxeiría, que garante unha solución estrutural e legal para protexer a estes rapaces. “Estamos a falar de nenas e nenos, non de números nin de remesas. Fuxiron de guerras, explotación e crueldades imposibles de imaxinar. Galicia non pode darlles as costas”, afirmou.
A socialista puxo en valor que Galicia acollerá como máximo 244 menores entre 2025 e 2026, “unha cifra moi pequena fronte á capacidade ordinaria do noso sistema, que supera por computo obxectivo as 800 prazas”. “Non se pode usar o argumento económico como desculpa cando o Estado garante a financiación necesaria: falamos de 100 millóns de euros para as comunidades e da posibilidade de empregar parte da quita de 4.000 millóns para reforzar a inclusión. O único que explica o rexeitamento do PP é a complicidade cos discursos de odio”, engadiu.
Longueira denunciou tamén que a estratexia de boicot do PP atrasou a chegada destes fondos: “Non só se negan a tender a man a crianzas en situación extrema, senón que bloquean os recursos para quen si quere axudar. Iso é inhumano e irresponsable”.
A parlamentaria destacou a coordinación constante co secretario de Estado de Infancia e Xuventude, Rubén Pérez, con quen manterá unha reunión a vindeira semana para tratar diferentes temas, entre eles o da acollida en Galicia. “Traballamos man a man co Goberno de España porque a prioridade son os dereitos da infancia. Aquí non cabe facer partidismo”, subliñou.
Finalmente, insistiu en que os menores contarán con todas as garantías: escolarización, atención sanitaria e apoio psicolóxico. “Non son unha ameaza, son crianzas con historias de dor ás costas. O mínimo que lles debemos é un futuro. O Partido Popular, pola súa alianza coa extrema dereita, está a negarlles a súa humanidade. Iso é intolerable en democracia”, concluíu Longueira.