Noa Díaz lamenta que “a fenda de xénero existe en todos os ámbitos da sociedade, de maneira que as políticas públicas que se implementan deberían ter a Igualdade como eixo transversal”
Denuncia que non se crease unha Consellería propia nesta materia e estea conxugada xunto a área de Emprego
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de denunciar o esquecemento en materia de Igualdade por parte da Xunta de Galicia. Díaz laiouse, durante unha pregunta realizada na sesión do Pleno, de que o goberno galego “non creara unha Consellería propia nesta materia” e denunciou que “a fenda de xénero existe en todos os ámbitos da sociedade, de maneira que as políticas públicas que se implementan deberían ter a Igualdade como eixo transversal”.
A responsable socialista lamenta que as políticas nesta materia “non sexan prioridade de goberno galego”. Así, expuxo que pese a que coa “creación da nova carteira de Emprego e Igualdade” aprecia “certa intención de artellar políticas no ámbito laboral”, reclamou que “a Igualdade transcende moitas máis áreas, non só emprego”.
Ademais, exemplificou esta falla de interese no eido da Igualdade en que o propio presidente da Xunta “no seu discurso como candidato na sesión de investidura” no Parlamento “non se atreveu a pronunciar nin a palabra ‘feminismo’ ni a palabra ‘muller’”. Díaz lamentou que “a Igualdade centrou catro parágrafos curtos dun discurso de 56 páxinas e en ningunha desas mencións se asociaba a cuestións relacionadas co emprego”.
Neste senso, denunciou que “recén creada” a Consellería de Emprego e Igualdade, “xa se tiña definido practicamente todo o seu gabinete da área de Emprego, a estrutura e as súas liñas de acción iniciais”, mentres que “a de Igualdade permanencia no máis absoluto esquecemento ata só hai uns días”, cando se deu a coñecer que a secretaria xeral “volvería ser” Susana López Abella. Díaz sentenciou que “non parece de recibo esa despreocupación e descabezamento”, ademais da “falla de accións concretas durante período”.
Así, fixo fincapé na necesidade de xestionar “de forma eficiente os recursos dispoñibles” e “achegar outros novos”, en campos de actuación como “educación, sanidade, xustiza ou mesmo urbanismo”. Neste senso, reivindicou que “son os poderes públicos os que teñen que asumir a responsabilidade de mitigar esa nova situación vital das mulleres e aplicar políticas de discriminación positiva para evitar que as desigualdades se produzan”.